ACT TV 2018

ESPECIAL

19 Xu˜ 2018

Bilbao, primeira descarga de adrenalina

Bilbao, primeira descarga de adrenalina

A capital biscaína acollerá este domingo a partir das 12.00 horas o inicio da décimo sexta edición da Eusko Label Liga

A Eusko Label Liga 2018 encetará este domingo ás 12.00 horas en augas de Bilbao a súa décimo sexta edición e un ano máis as 12 mellores embarcacións do momento pugnarán ao longo de 19 xornadas pola Coroa CaixaBank. O 24 de xuño, ás 12.00 horas (ETB e TVG), o xuíz de mar marcará a saída á Donostiarra, dando comezo unha tempada cargada de segundos de adrenalina. A ría de Bilbao será testemuña deste inicio, que volta encargarse de abrir o telón da Eusko Label Liga, collendo así o testemuñode cidades como Barcelona (en 2013 e 2014), Málaga (2015) ou Sevilla (2016).

O bandeirazo de saída presentouse hoxe na Sala de Prensa do Concello de Bilbao nun acto no que estiveron presentes Oihane Agirregoitia, Concelleira de deportes e mocidade, así como o Presidente da ACT, Borja Rodrigo. Un acto no que se presentou a IX Bandeira de Bilbao, primeira proba puntuábel da Eusko Label Liga e coa que se inaugura a máxima competición de traiñeiras que perdurará até o 16 de setembro.

ÚNICA CONTRA O RELOXO DA TEMPADA

O encontro deste domingo ás 12.00 horas, ademais dos primeiros puntos da tempada, porá en xogo a IX Bandeira de Bilbao, na que as 12 embarcacións se medirán na ría na única contra o reloxo que se desputará este ano. A saída, como vén sendo habitual nos últimos anos, estará situada a carón da Ponte do Concello, mentres que a baliza exterior se fondeará pasada a Pasarela Arrupe, tendo que realizar catro longos e tres ceavogas.

A orde de saída, saíndo as traiñeiras de cada quenda de minuto en minuto, virá estabelecido pola clasificación xeral do ano pasado, polo que a primeira quenda estará composta por Donostiarra, Santurtzi Iberdrola, Cabo e San Pedro. Na segunda quenda, Ondarroa Cikautxo, Tirán Pereira, San Juan Sumelec e Zierbena Bahías de Bizkaia. Mentres que na quenda de honra estarán Kaiku Producha, Orio Babyauto, GO fit Hondarribia e, o vixente campión, Urdaibai Avia.

Á marxe do puramente deportivo, Bilbao poderá gozar ao longo de toda a tarde no Paseo Uribitarte da Fan Zone que acompañará a caravana da Eusko Label Liga ao longo de toda a tempada. Unha tempada que chegará a diferentes puntos como A Coruña, San Sebastián, Castro Urdiales, Getxo o Zarautz

UNHA REGATA CON CARÁCTER

Daquela, no acto de presentación, Borja Rodrigo, Presidente da ACT, sinalou que “estamos diante dunha regata con moito carácter. É unha proba diferente, que se desenvolve nun contorno urbano, e como ocorre noutros eventos deportivos de nivel mundial como o Tour de Francia, encetamos cunha contra o reloxo”. Ademais, seguindo coa idea, explica “que é un encontro moi plástico xa que o remeiro pasa moi preto do público e ademais nun campo de regatas que navega a carón de lugares emblemáticos da Vila como o Concello, o Museo Guggenheim ou a Universidade de Deusto”.

Pola súa banda, Oihane Agirregoitia, Concelleira de deportes e mocidade apuntou que “esta competición non nos vai permitir apenas gozar dun evento deportivo ao ar libre para todos os públicos, algo que de por si xa é moi importante para a nosa Vila, mais danos a oportunidade de gozar e dinamizar, cunha actividade de grande nivel, un dos espazos máis emblemáticos da cidade: a nosa ría”.

Consulta o dossier facendo click nesta ligazón

Voltar