ACT TV 2018

ENTREVISTAS

05 Xu˜ 2018

"Aspiro a non perder a categoría"

"Aspiro a non perder a categoría"

Esta semana entrevistamos a Benjamin Vazquez, técnico de Tirán Pereira, que nos desvelou as súas aspiracións para esta nova tempada

A conta atrás para encetar a Eusko Label Liga 2018 segue adiante, e a espera faise cada vez máis difícil. Para alixeirar estes longos días traémovos unha nova entrevista, desta volta a Benjamin Vazquez, técnico de Tirán Pereira, que nos falou das súas sensacións para esta nova tempada, así como do seu principal obxectivo.

Benjamin Vazquez comezou a falar sobre as mudanzas que sufriu o seu equipo “son 13 baixas e cómpre refacer o equipo completamente”. A respecto deste novo ano, afirma que “penso que o ano pasado rematou un ciclo e agora vamos encetar de novo a dar guerra. Con xente nova, con ilusión e contento co traballo que levamos feito até agora” e aínda engadiu que  “o acople da xente nova coa xente veterana foi o máis complicado, mais estase a conseguir e estamos con ganas de comezar”

Sobre a forma na que conseguiu unificar o equipo, conta que “no inicio tiña dous bloques diferenciados, os que levan moito tempo e notan a perda de tantos compañeiros, e xente que se incorpora con vontade, que nunca estivo na Eusko Label Liga, e que quere remar”. A isto engade que “pouco a pouco estes dous grupos separados foron acoplándose. O que máis custou foi que todo se unise e tirar para adiante”. Sobre o calendario da Eusko Label Liga 2018 asegura sinceramente que “gustaríanos ter máis regatas perto, pero estamos afeitos, sabemos ao que imos e non me parece mal calendario”.

Respecto á chave deste ano afirma que “pode pasar por non perder a vontade, por non perder a ilusión, e que vaia saíndo todo ben”. En canto aos seus rivais teno claro “por riba van estar os de sempre; GO fit Hondarribia, Orio Babyauto, Urdaibai Avia e Zierbena Bahías de Bizkaia. Os dous ascendidos tamén vemos que son dous equipos fortes, con moito seguemento, apoio e orzamento, e penso que estes tamén estarán na zona alta”. A respecto dos seus paisanos afirma que “os nosos compañeiros galegos, os de Cabo, deron un salto e están moi fortes”.

Finalmente, o técnico de Tirán Pereira confesou que o seu maior obxectivo para esta nova tempada “sendo realistas, sabemos que vai ser unha tempada difícil porque tivemos moitas perdas, pero aspiro a non perder a categoría. Ese é o noso maior obxectivo” ao que engadiu “eu son optimista e penso que podemos logralo”.

Voltar