Novas 2013

ENTREVISTAS

19 Xu˜ 2013

"AÍNDA GAÑANDO EN BARCELONA, SÓ SOMOS ASPIRANTES A GAÑAR A LIGA"

"AÍNDA GAÑANDO EN BARCELONA, SÓ SOMOS ASPIRANTES A GAÑAR A LIGA"

Gorka Aranberri, patrón de Urdaibai Umpro Avia

O eco da victoria de Urdaibai Umpro Avia en Barcelona chegou até a Musika Plaza de Zarautz. Mércores pola mañá, Gorka Aranberri atende a dous xornalistas. O motivo, que patroneou con éxito a Bou Bizkaia até a victoria, e puxo na cabeceira de todos os noticieiros de deportes o triunfo dos de Bermeo. Zarauztarra de 26 anos, reflexiona amabelmente para a web www.ligasanmiguel.com

 

Pasaron tres días dende que rematou a regata de Barcelona, que análise fas do que pasou alí?

Sobre todo falouse desa onda que collemos no segundo longo. Axudounos moito, a verdade, porque conseguimos unha ampla vantaxe, pero antes de coller a onda xa íamos líderes. Remamos moi ben, e ficamos con iso. O ter tirado rendemento a esa onda tamén vai ao noso favor, porque as outras embarcacións da nosa quenda non o fixeron, tendo tamén a mesma onda.

 

Dis “nós”, pero as ondas colleas o patrón, é dicir, ti mesmo.

Non, iso non é así. Se non tes remeiros potentes, o patrón só, por el mesmo non pode coller esa onda. Precísase motor, e non é o mesmo levar un Ferrari que un Ford Fiesta. A onda leva unha velocidade determinada, e tes que tentar chegar a esa mesma velocidade para a coller, porque normalmente ven máis rápido. Para mantéreste nela cómpre aumentar a velocidade, e se os remeiros non poden, eu non podo facer nada.

 

Quen ten o mérito de ter collido esa onda? O patrón, o adestrador que está na beira, os remeiros…

O patrón non pode estar pendente de se ven unha onda ou non ven, está pendente de outras mil cousas. A onda veu por detrás, primeiro unha pequena, despois outra máis grande. Percibín que algo pasaba, e mirei para atrás. O adestrador Salsamendi díxome que a intensidade do vento baixara dende a segunda quenda, e que cumpría apretarmos, que era o momento decisivo.

 

Unha vez feito o oco, a bandeira era vosa.

Si, porque a forza mental comeza a ser decisiva. Indo por diante ou por detrás, o cansanzo é o mesmo, pero o que vai diante cansa menos, e o que vai atrás máis. O de diante vai sufrindo, pero contento, e o de atrás, triste. Iso muda todo. Había que seguir remando até o final, pero se na terceira ceavoga tes 13 segundos de renda, é case imposíbel perdelos no derradeiro longo.

 

En terra dicíase que Urdaibai Umpro Avia dera un golpe na mesa, como se tiveras dito ‘estamos de volta’. Que opinas?

Salsamendi díxonos que estariamos en condicións de loitar coas mellores. Os adestramentos da semana pasada foron bos, e estabamos con confianza. Saimos a por todas dende o comezo, a deixar os contrarios sen opcións, aínda que nos custou. San Juan, por exemplo, fixo unha grande regata. Ver os contrarios cada vez máis lonxe dache forza. Así e todo, gustaríame salientar que en non moitos segundos estamos oito barcos, e que a situación pode mudar diametralmente en calquera regata.

 

O voso adestrador amosouse cauto, di que a Liga San Miguel non fixo mais que comezar, e que ter gañado en Barcelona non significa nada. Dacordo con esa opinión?

Totalmente. Kaiku Ambilamp é a campioa, e nós non somos nada máis que aspirantes. Hai que ir regata a regata, porque a liga é moi longa. Vanse ver moitos altos e baixos, e todos sufriremos algunha crise deportiva. O obxectivo é estar na loita pola victoria. Penso que temos un bo plantel, longo, con bos substitutos, 20 remeiros bos, e iso vainos dar moito xogo. Para un adestrador non hai mellor situación que poder escoller entre o bo, e penso que Salsamendi ten esa opción.

 

Que mudou en Bermeo dende o ano pasado?

Que veu Jon Salsamendi. Non é unha simple mudanza de adestrador, tamén é remeiro. Non moi novo, pero aínda ten moita garra. Sóbralle experiencia, e a xente do club está á vontade con el.

 

Que mudou con Jon Salsamendi?

Que ten as ideas claras. Sabe o que quere, e como conseguilo. Sabe transmitir esa situación, pola súa forma de traballo.

 

Está claro que a vosa relación é boa, e que iso axuda moito a que as cousas vaian ben. Non é?

Sen dúbida. Os resultados están aí, de momento estamos acertando.

 

Para quen non te coñece cara a cara, diremos que en comparación co clásico remeiro corpulento, mides 1,76 e pesas apenas 60 quilos. Como gobernas un plantel de tanta xente grande? É doado? Logras facer que te respeten?

Fágome a mesma pregunta a min mesmo. Empecei con 16 anos, na Enbata de Zarautz, e na traíña había moitos veteranos, xente de máis de 30 anos. Ás veces facíanme caso, outras escoitaba broncas… Faríanme caso porque as cousas ían ben, ou porque tiña xenio, non o sei.

 

Que tipo de patrón é Gorka?

Non cho sei. Toda a miña vida fun patrón, porque o meu corpo non daba para ser remeiro. Os anos apréndenche todo. Mendi aprendeume todo canto sei (José Ramón Mendizabal, ex-adestrador de Zarautz). Tamén Enrique (Enrique López, ex-preparador de Zarautz). A presión axúdache a tentar mellorar. Parece que a xente está á vontade co meu labor, e iso  motívame para seguir mellorando. De por si, motívome fácil, pero á súa vez, penso que é un factor que ten unha importancia capital. Teño fe na miña capacidade, e iso tamén me axuda moito.

 

A tempada pasada foches titular en 17 regatas, sinal de que en Bermeo confían en ti. Moita xente opina que es un dos mellores patróns da Liga San Miguel. Intúes ese pensamento?

Pode ser que á xente lle guste o meu xeito de patronear, agradábel aos ollos do afeccionado, non sei. Nunca pensei que tivera algo especial, algo único, e non creo que pensalo sexa bo, porque cómpre ter os pés no chan. Non é aconsellábel botar por fóra, teño moitas cousas que mellorar.

 

Por exemplo?

A forma de dirixir os remeiros. Normalmente é o adestrador quen fala cos remeiros, que fan ben, que mal, e a min quizais me falta iso, ter unha comunicación máis fluída cos remeiros. Á hora de motivalos e iso, ninguén se queixou, pero tampouco me dixeron que o faga ben, cousa que si me dixeron no que se refire a patronear.

 

Que tal en Barcelona? Como foi a fin de semana?

Coa victoria no peto, a viaxe de volta foi moi bonita. Todo saiu ben, e había moitos afeccionados de Bermeo. Eu coñecín o de Burdeos, e está claro que os organizadores da Liga aprenderon dos erros que se fixeron alí. O sucedido en Burdeos serviu para mellorar, e todo estivo ben: o aloxamento, a zona para adestrar, o campo de regatas, o ambiente…

 

Urdaibai Umpro Avia non estaba na listaxe de favoritos para gañar a Liga antes da regata de Barcelona. Kaiku Ambilamp e Hondarribia Orsa estaban por riba de Urdaibai. Agora tamén?

Agora tamén. Nós somos aspirantes a gañar a Liga. A primeira regata sempre adoita ser perigosa, pero tanto Kaiku como Hondarribia sairon airosos. Agora hai un parón de dúas semanas, que se farán longas. Penso que a verdadeira liga comezará en Laredo, o día 29.

 

Váiseche facer longa a espera?

Seguro.

Voltar