ACT TV 2019

ESPECIAL

19 Set 2019

A tempada dende os postos de honra

A tempada dende os postos de honra

Zierbena Bahías de Bizkaia, Santurtzi Iberdrola, GO fit Hondarribia e Orio Babyauto fan a valoración da tempada na Eusko Label Liga

Seguimos coas valoracións de tempada e hoxe toca preguntar aos equipos que estiveron metidos na pelexa por desputar cada un das 20 xornadas da Eusko Label Liga. Cada un dos ‘galos’ da quenda de honra avalían o que foi esta tempada 2019 para eles.

Zierbena Bahías de Bizkaia, cuarto con 181 puntos, comeza a tempada coa “intención de irmos a por todo, e así foi” para Luis Manuel Villar, remeiro ‘galipo’. Unha tempada “complicada debido ás baixas de última hora”. O equipo biscaíno conseguiu unha nova bandeira, como nos últimos dous anos. Este ano Zierbena Bahías de Bizkaia conseguiu vencer na VII Bandeira CaixaBank de Castro.

Juan Mª Lujanbio, patrón da ‘Sotera’, amósase contento coa tempada realizada a nivel de equipo. A nivel persoal tamén foi un verán satisfactorio para o veterano patrón ao “voltar despois de seis anos” á Eusko Label Liga e “gañar unha bandeira”. E non só unha, Santurtzi Iberdrola levou esta tempada tres ‘trapos’ para remataren na terceira posición da Clasificación Xeral con 196 puntos.

GO fit Hondarribia comezou a tempada cun “mes de xullo un chisco irregular” en palabras de Beñat Egiazu, remeiro da ‘Ama Guadalupekoa’. Pero aos poucos “fomos atopándonos mellor e remando mellor”. Ao final, conseguiron a segunda posición final con 201 puntos con seis vitorias, o que para Egiazu é “unha tempada para estarmos satisfeitos”.

Para rematar a ronda de valoracións temos a Orio Babyauto, que tendo logrado a súa primeira Coroa CaixaBank, completou, segundo Ibon Huegun, directivo de Orio Babyauto, “un ano inmellorábel”. Aínda que “outubro e novembro foron duros porque tivemos moitas baixas”, dende o club souberon darlle a volta á situación cun plantel que ten “un compromiso incríbel” que “confiou neles e confiou no adestrador”. O equipo guipuscoano rematou a tempada no máis alto da Clasificación Xeral da Eusko Label Liga con 213 puntos e 8 vitorias.

Voltar