Novas 2011

COMPETICION

13 Set 2011

A LIGA SAN MIGUEL CHEGA A BERMEO COA 1ª XORNADA DO PLAY OFF

A LIGA SAN MIGUEL CHEGA A BERMEO COA 1ª XORNADA DO PLAY OFF

O verán xa vai indo, e o outono reclama o seu sitio. A Liga San Miguel está a punto de finalizar, pero quere rematar ao grande, con dúas xornadas emocionantes. Moito en xogo nas dúas citas da derradeira fin de semana de competición. A primeira en Bermeo, e a segunda en Portugalete. A xornada de Bermeo disputarase o sábado 17 de setembro ás 18h00, e é a 18ª proba puntuábel da Liga San Miguel.

A Bizkaitarra de Kaiku podería conseguir a Coroa Mapfre de xeito matemático este sábado en Bermeo. Actualmente, os sestaotarras teñen unha renda de 18 puntos por riba da Bou Bizkaia e abondaríalles con ficar sétimos para conseguir por primeira vez na súa historia a Liga San Miguel.

O sábado tamén se disputará a 1ª xornada do Play Off de Ascenso á ACT, con cinco embarcacións en liza e dúas prazas en xogo: Camargo, Portugalete Eulen, Zierbana Bahías de Bizkaia, Chapela e Cabo da Cruz. Orio Amenabar tamén participará no Play Off de xeito cautelar. Tal participación do 12º clasificado e os resultados que obteña só terían efectos e serían computados no caso de que a súa clasificación definitiva na competición do ano 2011 resultara finalmente ser o 11º posto unha vez resolto o procedemento disciplinario existente frente un club por unha eventual infracción das normas de dopaxe.

Ás 18h00 dará comezo a BERMEO HIRIKO XXIX. IKURRINA. Proba que se presentou esta mediodía no Concello da localidade vizcaína. A ela asistiron a alcaldesa da localidade costeira, Sra. Idurre Bideguren, e o vicepresidente de Bermeo Urdaibai AE, Sr. Agustín Aranburu. A regata está organizada por Urdaibai Arraun Taldea e patrocinada polo Concello de Bermeo. Repartiranse 22.500 euros en premios, e as oito mellores embarcacións da Liga San Miguel disputarán dúas quendas de catro longos e tres ceavogas.

Na 1ª Xornada do Play Off de Ascenso á ACT disputarase a primeira batalla por conseguir os dous billetes que se porán en xogo para se mantener, ou ascender á ACT. As cinco embarcacións vogarán na modalidade de contra o reloxo, e as embarcacións sairán cun intervalo dun minuto entre elas. En canto ao sistema de puntuación e demais requisitos, aplicarase o determinado na norma V (Sistema de ascensos e descensos) da Normativa de Competición ACT 2011. A vencedora obterá 5 puntos, a 2ª clasificada 4, e así sucesivamente. Este mesmo sistema empregarase domingo en Portugalete, e os dous clubs que máis puntos consigan, vogarán na Liga San Miguel 2012. De haber empate a puntos, a suma do tempo obtido nas dúas regatas decidirían os dous postos.

O mesmo sábado pola mañá, ás 11h00 no Museo do Pescador de Bermeo, a Asociación celebrará a súa quinta Asemblea Xeral Ordinaria cos seguintes puntos na orde do día:

- Ratificación da acta da última sesión da Asemblea Xeral.
- Presentación dos aspectos ligados á xestión asociativa, incluídos os económicos, do terceiro trimestre do exercicio 2011.
- Rogos e preguntas.

Voltar