ACT TV 2018

ESPECIAL

08 Xu˜ 2018

A boia Anteia chega á ACT

A boia Anteia chega á ACT

A Eusko Label Liga e a Liga Euskotren contarán esta tempada con unha boia que marcará en tempo real a altura, dirección e período das ondas

O constante avance e aplicación das novas tecnoloxías é unha das máximas da ACT. No seu momento introducíronse elementos que hoxe en día sería difícil pensarmos non contar con eles na máxima competición -tales como o vídeo finish, a transmisión ao vivo do sinal de GPS ou as cámaras on board-, a ACT coa empresa Zunibal e ETB, volta dar un paso na implantación dunha nova ferramenta que permitirá ao mundo do remo dispór de máis datos para gozar do mellor espectáculo do verán.

Desta maneira, a boia Anteia estará presente en todas as regatas de mar e permitirá tanto aos clubs, como ao propio espectador, coñecer en tempo real a altura, a dirección e o período das ondas que hai nese momento sobre o campo de regatas. Unha boia cuxa principal vantaxe reside no seu reducido peso, que non chega aos 26 quilos e un diámetro de pouco máis de medio metro. Deste xeito, ademais da mostra continua á que terán acceso os clubs, os espectadores, da man de ETB, poderán coñecer desde as súas casas durante toda a quenda as características das ondas que están a condicionar o campo de regatas.

Así, a encargada de desenvolver a boia Anteia foi a empresa biscaína Zunibal, que leva máis de vinte anos desenvolvendo produtos e servizos electrónicos para a súa aplicación no sector mariño baseados na investigación e deseños propios, desenvolvendo solucións tecnolóxicas personalizadas e adaptadas. A investigación, a última tecnoloxía, un grande equipo e a súa paixón polo mar, son as ferramentas coas que traballan a diario na procura da mellora do sector mariño e pesqueiro. Entre os seus produtos, ademais da boia Anteia, salienta a caixa azul de monitoreo, produtos enfocados cara a oceanografía como as Ecosondas, boias satelitarias para a pesca de palangre ou as diferentes boias como a Tuna 8Xtreme para a pesca do atún.

Así, este acordo de colaboración foi asinado na sede de Zunibal en Derio, onde estiveron presentes por parte de Zunibal, Ibone Rodríguez de Pablo, Directora de Zunibal; Eduardo Martínez, Director de Desenvolvemento de Negocio; e Adolfo García, Enxeñeiro de Produto. Borja Rodrigo, Presidente da ACT, rubricou o acordo e quixo salientar a importancia de seguir indo “da man da innovación”, apostando por produtos que axuden a comprender mellor factores que poden condicionar o devir das probas.

Voltar