Novas 2017

COMPETICION

15 Xul 2017

Urdaibai Avia estrea o palmarés da Coruña

Urdaibai Avia estrea o palmarés da Coruña

A ‘Bou Bizkaia’ é a primeira vencedora da Bandeira Cidade da Coruña nunha dura loita con Hondarribia

Urdaibai Avia escribe o seu nome no recén estreado palmarés da Bandeira Cidade da Coruña nunha grande regata na que protagonizou unha dura loita coa ‘Ama Guadalupekoa’. Foi preciso revisar o vídeo finish para ver as 14 centésimas que separaron as dúas traiñeiras. Deste xeito Urdaibai Avia afianza o seu liderado na Eusko Label Liga na que xa adianta en 3 puntos a Hondarribia e en 5 a Orio Babyauto. Pola súa banda, Ioseba Amunarriz, patrón de Hondarribia, mantén a primeira posición na Clasificación CaixaBank ao Mellor Patrón tras a xornada de hoxe.

A quenda de honra desta Bandeira Cidade da Coruña voltou deixarnos outra espectacular loita entre Urdaibai Avia e Hondarribia na que finalmente a vitoria foi para os ‘txo’ con un tempo de 22’07”12. A 14 centésimas entrou Hondarribia e Orio Babyauto foi terceira a 2”84 da ‘Bou Bizkaia’. Kaiku Producha pechou esta quenda con un tempo de 23’12”62, o que lle valeu para ser sexto.

A dura pugna entre Tirán Pereira e San Juan Sumelec marcou a tónica da segunda quenda ao non conseguir despegárense os do Morrazo dos pasaitarras até os últimos metros da regata. Ao final, a ‘Mar do Con’ marcou o mellor rexistro da quenda con 22’44”98, sendo cuartos. Pola súa banda, San Juan Sumelec foi quinta, con un tempo de 22’55”12. San Pedro e Ondarroa Cikautxo pecharon a quenda, con 23’20”60 e 23’27”34 respectivamente, o que lles serviu para seren sétimos e oitavos.

A primeira quenda rematou con dúas sancións para Astillero e Cabo por un incidente sucedido nos metros finais. Astillero foi sancionado con 3” por dobre advertencia de invasión de carreiro, e con un tempo final de 23’47”22 foi novena. Cabo pola súa banda foi excluída da regata ao abordar a Zierbena Bahías de Bizkaia no último longo. Pola súa parte, os ‘galipo’ foron décimos con un tempo de 23’52”38 e Ares pechou a quenda con un rexistro de 24’17”12, sendo onceavo.

Ares estréase mañá

Tras a desputa desta Bandeira Cidade da Coruña, a caravana da Eusko Label Liga trasládase mañá a Ares para a desputa da X Bandeira Concello de Ares, a partir das 12.00 horas, rematando así o primeiro fin de semana galego da tempada.
 

Voltar