Novas 2016

COMPETICION

04 Mar 2016

Sevilla pon en xogo a IV Bandeira Euskadi Basque Country

Sevilla pon en xogo a IV Bandeira Euskadi Basque Country

O vindeiro 19 de xuño o Guadalquivir será o encargado de encetar a batalla pola Coroa CaixaBank
 

A capital hispalense acollerá o vindeiro 19 de xuño a IV Bandeira Euskadi Basque Country, que servirá para dar o bandeirazo de saída á décimo cuarta edición da Liga San Miguel. Un desprazamento que é posíbel grazas ao acordo entre á Asociación de Clubs de Traiñeiras (ACT) e máis ao Departamento de Desenvolvemento Económico e Competitividade do Goberno Vasco que através das traiñeiras mantén o obxectivo de seguir promocionando Euskadi como destino turístico. É por isto, e como xa acontecera estes tres últimos anos en Málaga e Barcelona, ao longo de toda a fin de semana desenvolveranse en Sevilla numerosas accións promocionais pivotando todas elas na regata a se desputar no domingo 19 de xuño a partir das 12.00 horas.

Daquela, o Guadalquivir será o encargado de encetar a batalla pola Coroa CaixaBank e no que as 12 mellores traiñeiras encontraranse para loitar por se facer coa IV Bandeira Euskadi Basque Country, na que até o momento ningunha tripulación conseguiu repetir vitoria, vencendo Urdaibai Avia en 2013, Orio Babyauto en 2014 e NT2 Hondarribia no ano pasado. Tres edicións nas que tanto deportistas como afeccionados desfrutaron dunha combinación perfecta de deporte, cultura e promoción turística de Euskadi. Neste sentido cómpre sinalar tamén que o Concello de Sevilla, así como a Federación Andaluza de Remo, apostaron desde o principio pola chegada da Liga San Miguel a Sevilla e se volcaron niso.

Este inicio da particular loita dos 12 clubs por se facer coa Coroa CaixaBank terá ubicada as balizas de saída e chegada baixo a Pasarela de La Cartuja, a escasos metros do barrio de Triana. Mentres que as balizas exteriores estarán situadas entre a Ponte de La Barqueta e o CEAR. Un campo de regatas abondo coñecido polo mundo do banco móbil xa que aquí desputáronse, entre outros, o Campionato de banco móbil ou o Campionato de Europa. Ademais, practicamente de forma anual, o Campionato de España ten a súa sede no Guadalquivir e a prestixiosa Regata Sevilla – Betis navega polas mesmas augas que o fará a Liga San Miguel o vindeiro 19 de xuño. Unha das peculiaridades deste encontro inicial será que se desputará baixo un formato insólito até o momento na Liga San Miguel. Repartidas as 12 traiñeiras en tres quendas, cada unha delas estará composta por catro embarcacións, tomando a saída de dúas en dúas e realizando deste xeito unha contra o reloxo por parellas. As traiñeiras, como vén sendo habitual, terán que cubrir unha distancia de tres millas náuticas, repartidas en catro longos e maniobrando en tres ocasións.

Voltar