Novas 2016

ESPECIAL

22 Xul 2016

O desembarco en augas galegas

O desembarco en augas galegas

Moaña e Boiro serán os encontros para a Liga San Miguel esta fin de semana, onde se porá en xogo a oitava e novena xornada da batalla pola Coroa CaixaBank

Volta a Liga San Miguel esta fin de semana a augas galegas, onde se porán en xogo a XXXIV Bandeira Concello de Moaña – VI GP Fandicosta este sábado a partir das 18.00 horas e o domingo ás 12.00 horas a XXVI Bandeira Concello de Boiro. Unha Liga San Miguel que chega a este punto da tempada con moitos frentes abertos aínda que con un nome propio: NT2 Hondarribia. Os da ‘Ama Guadalupekoa’ apenas cederon nunha das sete probas desputadas até o momento, facéndose xa con seis triunfos e situándose con 81 puntos na batalla pola Coroa CaixaBank. Atrás deles, Urdaibai Avia, o seu máis inmediato perseguidor, xa deixa seis puntos frente os hondarribiarras, mentres que Kaiku Producha suma 65 puntos. A partir de aquí o abanico é amplo e é que entre Orio Babyauto, cuarto, e Cabo, oitavo, hai 10 puntos. Un dato que denota a igualdade que está a haber na competición. No que ao Trofeo CaixaBank ao Mejor Patrón se refire, Unai Osa mantense como líder con sete puntos, aínda que apenas ten un punto de renda frente Ioseba Amunarriz de NT2 Hondarribia e Gorka Aranberri, patrón de Urdaibai Avia.

A Liga San Miguel regresa a Moaña, un encontro que se afincou no calendario desde a primeira vez que se disputou alá pola tempada 2008, con Orio Babyauto como primeiro vencedor. Desde aquela, Urdaibai Avia conseguiu catro vitorias nesta proba, en 2011, 2012, 2014 e 2015. Equipos como Tirán Pereira, San Juan Iberdrola ou San Pedro tamén conseguiron a vitoria no encontro moañés. As quendas para esta regata virán marcadas en base á clasificación da loita pola Coroa CaixaBank. Quere dicir, na primeira quenda remarán Zumaia, Portugalete Eulen, San Pedro e Zierbena Bahías de Bizkaia. Na segunda, Cabo, Astillero, San Juan Iberdrola e Tirán Pereira. Mentres que Orio Babyauto, Kaiku Producha, Urdaibai Avia e NT2 Hondarribia serán quen compoñan a quenda de honra.

Xa o domingo, ás 12.00 horas, a competición trasladarase a Boiro onde se desputaron oito edicións desta regata na Liga San Miguel. NT2 Hondarribia levou en tres ocasións a vitoria, incluíndo a do ano pasado, mentres que Orio Babyauto conseguiu dúas vitorias neste escenario. Tamén conseguiu a vitoria Castro, Urdaibai Avia e Astillero. En 2006, NT2 Hondarribia marcou un rexistro de 19'09"09 que é até o momento o mellor tempo neste campo de regatas na Liga San Miguel. En canto ás diferenzas rexistradas entre o primeiro e o segundo clasificado, en 2005 tras dunha final de regata apaixonante, Astillero non puido facerse coa bandeira por apenas 0"64, en beneficio de NT2 Hondarribia. Polo contrario, a maior diferenza entre os dous primeiros da clasificación final aconteceu en 2004, cando Urdaibai Avia consiguiu a vitoria avantaxando en 9"64 o segundo, NT2 Hondarribia.

O campo de regatas desta Bandeira Concello de Boiro terá unha distancia de tres millas náuticas, con catro longos e tres ceavogas, onde as balizas interiores estarán situadas en frente o porto de Cabo da Cruz. As quendas estabeleceranse en base aos resultados do día anterior, seguindo a clasificación final da XXXIV Bandeira Concello de Moaña – VI GP Fandicosta. 

Voltar