Novas 2016

COMPETICION

19 Xu˜ 2016

NT2 Hondarribia leva a primeira bandeira en Sevilla

NT2 Hondarribia leva a primeira bandeira en Sevilla

A ‘Ama Guadalupekoa’ comeza como o deixou a tempada pasada e por segundo ano consecutivo logra axitar a Bandeira Euskadi Basque Country

Parece que non mudou a tónica xeral a respecto do ano pasado. Tras das doce bandeiras colleitadas por NT2 Hondarribia na tempada 2015, hoxe volveron erguerse coa victoria en augas de Sevilla na IV Bandeira Euskadi Basque Country. Os mozos de Ioseba Amunarriz, con un rexistro de 19’22”86, sacaron unha vantaxe de 3” a Urdaibai Avia e en 6” a Astillero. Polo tanto, NT2 Hondarribia convírtese no primeiro líder da Liga San Miguel 2016 con 12 puntos, con 11 Urdaibai Avia e 10 Astillero. Na clasificación CaixaBank ao mellor patrón, os actuais campións de San Juan Iberdrola sumaron os primeiros tres puntos do ano da man do seu patrón Endika Pérez, Cabo sumou dous e Tirán Pereira un.

A quenda de honra do día de hoxe demostrou que a ‘Ama Guadalupekoa’ segue a ser o rival a bater, facéndose coa proa de quenda dende o primeiro longo. Porén, non foi unha regata doada para os hondarribiarras xa que até a derradeira manobra foron por detrás dos rexistros marcados por Astillero na primeira quenda. Ao remate, o tempo marcado polos guipuscoanos foi de 19’22”86, avantaxando en 6” á ‘Bou Bizkaia’. Kaiku Producha, con 19’30”26, fíxose coa cuarta posición final, e Orio Babyauto pechou a quenda con 19’39”40, logrando así a novena posición.

Astillero dominou de cabo a rabo a primeira quenda con un tempo de 19’29”58 e mantivo o soño de se facer coa vitoria até os metros finais, mais ao final os cántabros obtiveron a terceira posición. Zierbena Bahías de Bizkaia rexistrou un tempo de 19’36”52, o que lle serviu para se clasificar en sexta posición. Por detrás, Portugalete Eulen e Zumaia marcaron 19’48”74 e 19’58”52 para se clasificaren na décima e duodécima posición respectivamente.

A segunda quenda foi a máis desputada do día de hoxe. Nela San Juan Iberdrola mantivo unha dura loita con Tirán Pereira para a vitoria da quenda, pero ao final a balanza decantouse a favor dos pasaitarras con un rexistro de 19’34”66, o que lles serviu para levaren a quinta posición, por diante dos 19’37”44 dos galegos, sétimos hoxe. Detrás destes, os tamén galegos de Cabo foron oitavos, con 19’39”10, e San Pedro acadou a undécima praza, con 19’52”72.

Descanso

As traiñeiras da Liga San Miguel terán agora unha fin de semana de descanso antes de retomaren de novo a competición coa XV Bandeira Real Astillero de Guarnizo - XL GP Ayto. de Astillero no vindeiro día 2 de xullo e a XXXIII Bandeira Petronos ao día seguinte en Zierbena.

Voltar