Novas 2012

COMPETICION

20 Xul 2012

"CAMBIARON MOITAS COUSAS DUN ANO PARA OUTRO, HAI QUE SER CAUTO"

"CAMBIARON MOITAS COUSAS DUN ANO PARA OUTRO, HAI QUE SER CAUTO"

Juan Mari Etxabe, adestrador de Urdaibai Umpro Avia

Juan Mari Etxabe vive no corazón de Pasai Donibane. O normal é que coñeza ben o mundo do remo, e así é. Este ano está a traballar en Bizkaia, en Bermeo, aos mandos de Urdaibai Umpro Avia. Contesta ás preguntas tras lograr a primeira bandeira da tempada, en Moaña.

 

Custoulle chegar, pero xa está aquí. Urdaibai Umpro Avia xa gañou a primeira bandeira da tempada, en Moaña. Que valoración fas?

Hai que facer unha valoración xeral, non das regata de Moaña. En Zierbena saímos na última quenda, e as mellores na primeira. O cambio de vento tamén tivo a súa influencia, e iso creou dúbidas no grupo. En Astillero melloramos, coa 3ª posición, a mesma que en Portugalete, pero en Zarautz non andamos a gusto, cun pouco de mala sorte no sorteo de boias. En Galicia fixemos moi boa regata en O Grove. A 10 segundos de Kaiku, unha boa distancia. Collemos confianza, e o domingo en Moaña conseguimos unha remada redonda, con máis forza, para levar a bandeira. Que tivemos algo de sorte coa boia? É posible, pero por moita sorte que teñas, se non lle dás non gañas.

 

Tanta volta ao aspecto físico, e está claro que a forza mental ten a mesma ou máis importancia.

É decisiva, máis do que cree a xente. Se os resultados non so bos, a xente empeza a darlle voltas á cabeza, faste preguntas, e darlle a volta a esa situación non é doado. Hai que ter moi en conta que en Urdaibai a cousa cambiou moito dun ano para outro. O preparador físico Javier Lolo e eu somos recén chegados, e aínda que dende fóra pareza que nada cambiou, houbo moitos cambios, e hai que ser cautos. Toda a tripulación de babor é nova, dos rapaces que remaron o domingo todos eran novos exceptuando a Fernando Rúa e o de proa, Zulaika. Hai que ter un pouquiño de paciencia.

 

As análises pre tempada que se fixeron coincidían en que Urdaibai estaba un chanzo por debaixo das favoritas. É o terceiro posto o voso sitio na Liga San Miguel?

Eu dixen dende o principio que Kaiku Ambilamp e Hondarribia Orsa eran favoritas, e que nós e Tirán-Pereira iamos andar aí. Os dous de arriba teñen dous equipazos, completos, e moita experiencia. Eu xa sabía que puntualmente podiamos estar arriba. O terceiro posto indica que estamos a facer ben o noso traballo.

 

É bo recoñecer os límites de cada un, verdade? Asimilaron xa os afeccionados de Bermeo a nova situación?

A directiva está a traballar nese sentido, e creo que os afeccionados o interiorizarán sen problemas.

 

Quen é, hoxe por hoxe, favorito para gañar a Liga San Miguel?

Eu dixen nas entrevistas que me fixeron antes da liga que Hondarribia ía estar á par de Kaiku, ou mellor. A verdadeira sorpresa sería que Hondarribia non estivese arriba. Levan moitos anos traballando e agora están a recoller os froitos. Nestas datas hai que ter en conta que importancia dan os clubs aos campionatos de fóra da Liga, porque esas decisións influirán na mesma Liga. Ou dalo todo, ou regular. Haberá que decidir.

 

Que destacaría do resto de tripulacións? Que che sorprendeu?

Quizais a sorpresa máis relevante fora a de Pasai Donibane, xa que non esperaba que estivese tan arriba. É unha sorpresa agradable. Deixando a un lado a Zierbena Bahias de Bizkaia, diría que a igualdade é máxima. Mira Portugalete, que non empezou moi ben, pero agora tiraron para arriba tras facer un par de boas regatas. Castro tamén fixo terceira en Galicia... Poderiamos dicir que San Pedro tivo bastante mala sorte, merecería ter máis puntos. O que está claro é que aquí os descoidos páganse caros.

 

Celebrastes como merecía a bandeira de Moaña?

Ben, tampouco foi unha sorpresa maiúscula. Eu xa calculara conseguir algunha bandeira. Case repetimos o mesmo bloque do sábado. Gustaríanos meter o morro, como se di, a ver se o logramos.

 

É bo que haxa igualdade.

Si, de cara aos medios de comunicación moi importante. Se unha embarcación gaña todo resta espectáculo. Coñezo esa situación de cando estiven en Castro, pero non é boa para intentar vender un produto. A competitividade aumenta o espectáculo.

 

A Liga cumpre 10 anos, e estiveches en case todas as edicións. Estase a ir polo bo camiño?

Si, aínda que hai aspectos que se poden mellorar. Temos unha liga regulada, ben organizada, e iso é moi importante para os clubs e os afeccionados. No marco das regras, hai que mellorar. Non se pode andar atando cousas na última asemblea... Aquí cada club ten uns intereses concretos, está claro, e no meu caso, gustaríame que as normas que se implanten sexan a prazo longo, non que se cambien cada ano. Así todos saberían a que aternos. Gustaríame que as normas se aprobasen para cinco anos, por exemplo.

Voltar