Novas 2014

COMPETICION

19 Set 2014

As matemáticas acompañan a Hondarribia Orsa

As matemáticas acompañan a Hondarribia Orsa

A Liga San Miguel pecha o telón da tempada con dúas xornadas nas que aínda hai moito que decidir

Achegámonos ao final dunha das tempadas máis igualadas que se lembran da Liga San Miguel, na que se puido gozar de moito espectáculo e regatas moi competidas. Mais non podemos dar por rematada a tempada até disputar as dúas derradeiras xornadas deste último fin de semana. Os oito primeiros clasificados moveranse até augas viscaínas onde, á súa vez, coincidirán coas catro traíñas que loitarán a dobre xornada por se facer con un posto na máxima competición do remo a tempada que vén, na Liga San Miguel.

O sábado porase en xogo a Bermeo Hiriko XXXII. Bandera, correspondente á decimo oitava xornada da tempada, e o domingo celebrarase o peche da tempada en Portugalete coa disputa da XL Bandeira El Corte Inglés. Previo á disputa de cada unha destas dúas xornadas, tamén se disputarán as dúas xornadas do playoff de ascenso á Liga San Miguel, onde Zumaiako Telmo Deun AKE, Amegrove Club de Remo, Getaria Indaux Viveros San Antón e Samertolameu - Grupo Rodman pugnarán pola praza vacante que deixou Pedreña na Liga San Miguel.

O encontro de Bermeo, que comezará co playoff ás 18.00 horas, é unha das regatas míticas da tempada, xa que se vén celebrando ano tras ano desde a creación da ACT en 2003. Ademais, desde o 2008 foi sempre o penúltimo encontro da tempada e tamén acolle a primeira xornada do playoff. Tradicionalmente é unha regata que se lle deu moi ben á traíña local, xa que venceu en 4 ocasións. Tamén conseguiu vencer nesta localidade viscaína Kaiku Ambilamp, Hondarribia Orsa, Castro (2
veces), Astillero (2 veces) e Orio Babyauto. O mellor tempo nesta regata dentro da Liga San Miguel, de momento, o ostenta Orio Babyauto desde a primeira edición desta regata na ACT, en 2003, cando marcou un tempo de 19'26"11 que non puido ser superado até agora. En canto á diferenza de tempos entre os dous primeiros clasificados, Kaiku Ambilamp conseguiu endosar 13"86 a Hondarribia Orsa nas balizas de chegada na tempada 2012. Polo contrario, a tempada pasada deuse a vitoria máis axustada das once edicións disputadas en Bermeo, cando Hondarribia Orsa chegou a 2"74 de Urdaibai Avia.

Pola súa banda, a Bandeira El Corte Inglés, que terá o seu inicio tamén co playoff o domingo ás 12.00 horas, é unha das regatas míticas que nunca falla no calendario da Liga San Miguel. No ano 2005 comezou a ser o último encontro da tempada e desde entón Kaiku Ambilamp, Urdaibai Avia e Hondarribia Orsa gañou en dúas ocasións e Castro e Orio Babyauto nunha ocasión. Na tempada de 2009 Castro marcou un tempo récord na Liga San Miguel de 18'58"70 ao que ningunha traíña se puido achegar por agora. A diferenza máis grande entre os dous primeiros clasificados deuse no ano 2008, cando Orio Babyauto sacoulle unha vantaxe en meta a Pedreña de 12"36. Polo contrario, a diferenza máis pequena deuse en 2005 cando o mesmo Orio Babyauto entrou a 1"12 de Astillero en meta.

Un 96% a favor de Hondarribia Orsa

A tempada da Liga San Miguel chega ao seu final con todo aínda por resolver. As oito mellores clasificadas darano todo para rematar o ano da maneira mellor posíbel e para iso tentarán colleitar o máximo número posíbel de puntos nas dúas últimas xornadas. Hondarribia Orsa chega co liderado na man, con unha vantaxe en oito puntos ao segundo clasificado, Orio Babyauto. As matemáticas, ademais, están do lado dos hondarribiarras, xa que das 3136 combinacións que se poidan dar nestas dúas xornadas, só no 4% das opcións a Coroa "la Caixa" collería rumbo a Orio. No 96% das opcións restantes, o ansiado trofeo iría a Hondarribia. Por detrás, Kaiku Ambilamp chega coa terceira posición asegurada, e tratará seguro de se facer con algunha bandeira ao non ter presión por perder o terceiro chanzo do podium. Despois do equipo de Sestao, Cabo (107) e San Juan Iberdrola (104) pugnarán pola cuarta praza separados por apenas tres puntos. Loitando pola sexta praza están Portugalete Eulen e Tirán Pereira igualados a 95 puntos. Por último, Zierbena Bahías de Bizkaia ocupará o oitavo posto da clasificación. No que respecta ao trofeo "la Caixa" ao mellor patrón, Vicente Carpintero é matematicamente o vencedor do trofeo con 21 puntos.

Cómpre salientar que a primeira xornada do playoff disputarase o sábado ás 18.00 horas, onde as catro mellores traíñas da tempada nas divisións inferiores competirán nun formato de contra o reloxo. Unha vez estes rematen, dará comezo a Bermeo Hiriko XXXII. Bandera onde os clubs da Liga San Miguel remarán en dúas quendas de catro para levar para a casa o ansiado trapo. Na primeira quenda estarán Zierbena Bahías de Bizkaia, Tirán Pereira, Portugalete Eulen e San Juan Iberdrola; pola súa banda, na quenda de honra remarán Cabo, Kaiku Ambilamp, Orio Babyauto e Hondarribia Orsa.

Por outra banda, o domingo a Liga San Miguel dirá adeus á actual tempada coa disputa da derradeira xornada, a decimo novena, na que os clubs volverán medirse nas augas do Ibaizabal, como xa fixeran hai tres semanas. As traíñas volverán dividírense en dúas quendas de catro en base á clasificación xeral da Liga San Miguel. Previa á disputa da XL Bandeira El Corte Inglés, porase en xogo a segunda xornada do playoff de ascenso, a partir das 12.00 horas, na que os catro clubs pugnarán por un posto na Liga San Miguel a vindeira tempada. 

Voltar