Novas 2023

ASOCIACION

16 Feb 2023

Acordo: Convenio con ARC

Acordo: Convenio con ARC

A ACT e a ARC subscriben un convenio de colaboración

Os presidentes da ACT, Borja Rodrigo, e da ARC Maika Rodriguez, subscribiron un acordo de colaboración entre as dúas entidades, para proporcionaren maior estabilidade e coherencia ao remo de banco fixo.

O acordo asinado serve para homoxeneizar diferentes aspectos ligados coa competición de ambas asociacións. Entre os principais puntos redactados no acordo recóllese a maneira de regular os ascensos e descensos entre a Liga Eusko Label e Liga Euskotren, e a ARC 1 e a ARC Feminina respectivamente; a composición das tripulacións que participan nas competicións organizadas respectivamente por ambas asociacións; e ter unha normativa homoxénea en canto á regulación que rexe cando os e as deportistas mudan de club, o que á súa vez permita un mellor control e dispoñer dun rexistro único dos historiais dos deportistas de ambas asociacións.

Neste sentido, Borja Rodrigo amósase "satisfeito porque con este acordo visibilízase o consenso e o nivel de entendemento e acordo existentes entre ambas asociacións".

De igual xeito "permítenos dar continuidade e seguir a avanzar nun dos obxectivos que na ACT tíñamos identificados en canto á intención de dotar da maior estabilidade e coherencia posíbel o estamento do remo do noso contorno. Para o cal estes acordos que se subscriben cos estamentos encargados de organizar o seguinte nivel do remo, sen lugar a dúbidas permiten avanzar nesa dirección", sinala o biscaíno.

"No 2018 logrouse subscribir por primeira vez un acordo, aínda vixente, coa Asociación Liga Noroeste encargada de organizar a Liga Galega, nesta ocasión logrouse facer o mesmo coa ARC (Asociación de Remo del Cantábrico), encargada de organizar o seguinte nivel da liga de traiñeiras en Euskadi e Cantabria. Por tal motivo cremos que este acordo redundará de xeito positivo nas nosas competicións, os nosos clubs e os nosos deportistas", asegura Rodrigo.

Pola súa banda, Maika Rodriguez manifestou que "é un acordo que estaba pendente dende facía anos, que máis ou menos se viña cumprindo, e agora que fica escrito, é un bo acordo para ambas asociacións".


 

Voltar