Novas 2014

COMPETICION

08 Ago 2014

A Liga San Miguel encóntrase en Galiza

A Liga San Miguel encóntrase en Galiza

Moaña e Cabo acollerán mañá e no domingo a décima e undécima xornada da máxima competición de traíñas

Despois do parón do pasado fin de semana por mor da disputa do Campionato de España, a Liga San Miguel volve para afrontar unha segunda metade de competición que con certeza será igual de emocionante e competida que a primeira metade que acabamos de deixar atrás. Esta semana, a Liga San Miguel trasládase a augas galegas como xa fixera hai un mes. Neste caso porase en xogo o sábado ás 18.00 horas a Bandeira de Moaña - GP Fandicosta na localidade de Moaña, situada no centro-oeste da provincia de Pontevedra, e a XXIV Bandeira de Traíñas Concello de Boiro o domingo ás 12.00 horas  na localidade que se sitúa no sur da Coruña.

Así pois, a Liga San Miguel volta a Galiza e a competición está que ferve, todo moi igualado en todos os frentes. Hondarribia Orsa conseguiu o liderado e ten unha vantaxe de cinco puntos sobre Orio Babyauto que pretende non se despegar da súa estela. En terceiro lugar asentou Kaiku Ambilamp, e detrás deste grupo cabeceiro temos unha longa listaxe de equipos que apenas están separados por cinco puntos, polo que unha soa regata pode facer gañar ou perder moitas posicións na clasificación xeral. No que respecta ao Trofeo “La Caixa” ao mellor patrón, despois da mudanza no liderado a favor de Gorka Aranberri, patrón de Urdaibai Avia, Vicente Carpintero, patrón de Zierbena Bahías de Bizkaia, tentará conseguir de novo o maillote branco de “La Caixa”, seguido moi de perto por Asier Zurinaga, de Kaiku Ambilamp, na terceira posición, a 17 puntos del líder.

O sábado en Moaña poderase gozar dunha regata que vén sendo habitual no calendario da Liga San Miguel desde o ano 2008 de forma continua, edición na que Orio Babyauto venceu. Desde entón non houbo un dominador claro neste encontro, e á marxe das dúas vitorias consecutivas de Urdaibai Avia nas tempadas de 2011 e 2012, tamén saíron vitoriosos nesta regata equipos como o propio Tirán Pereira, San Juan Iberdrola, San Pedro Ecolmare e Castreña. Precisamente, os sanpedrotarras ostentan a mellor marca con un crono de 19'17”00 na tempada do 2009.  No que ás diferenzas respecta, Orio Babyauto sacou unha vantaxe en 2008 de 9”34 ao segundo clasificado, Urdaibai Avia, e é até o momento, a diferenza máis grande entre os dous primeiros clasificados desta regata. Porén, no outro extremo, está a edición de 2011, onde houbo unha grande loita na que Urdaibai Avia saliu vencedor frente Astillero, con unha vantaxe de apenas 1”62.

A XXXII Bandeira Concello de Moaña – GP Fandicosta disputarase a partir das 18:00 horas no campo de regateo de tres millas náuticas onde as balizas interiores estarán situadas no porto de A Mosqueira, e as doce traíñas deberán afrontar un percorrido de catro longos con tres ceavogas. A composición das quendas farase en base á clasificación xeral da Liga San Miguel, e por iso na primeira quenda remarán Urdaivai Avia, Pedreña, San Pedro Ecolmare e Astillero; na segunda quenda estarán Zierbena Bahías de Bizkaia, Portugalete Eulen, Cabo e Tirán Pereira; e finalmente, na quenda de honra vogarán San Juan Iberdrola, Kaiku Ambilamp, Orio Babyauto e Hondarribia Orsa, actual líder da competición.

De novo en Cabo

Por outra banda, o domingo chegará a quenda de Boiro, unha regata que comezou a se disputar no primeiro ano da ACT, mais que tivo a súa última edición en 2008.  Igual que en Moaña, neste encontro non hai un dominador claro e son cinco as embarcacións que conseguiron a vitoria nas seis edicións disputadas até o día de hoxe: Castreña, Orio Babyauto, Hondarribia Orsa (dúas veces), Urdaibai Avia e Astillero. Hondarribia Orsa marcou un tempo de 19'09”08 na tempada 2006, e é por agora o mellor tempo. A maioría de regatas disputadas neste campo de regateo decidíronse pola mínima. Tan pequenas son as diferenzas que en 2005 só 0”64 privaron a Astillero de obter a vitoria, en beneficio de Hondarribia Orsa. Por outra banda, a maior diferenza entre os dous primeiros clasificados aconteceu no 2004, cando Urdaibai Avia gañou con unha renda de 9”64 frente o segundo, Hondarribia Orsa.

Ao disputarse a XXIV Bandeira de Traíñas Concello de Boiro o domingo ás 12.00 horas, a composición das quendas farase en base á clasificación na regata do sábado en Moaña. Este campo de regateo de Boiro conta con catro longos e tres ceavogas para así completar as tres millas náuticas que ten o percorrido. Cómpre sinalar que media hora antes do inicio da regata masculina, a Liga Galega Feminina disputará unha regata na que participarán Samertolameu, Cabo e Tirán Pereira. 

Voltar