Novas 2014

COMPETICION

04 Xul 2014

A Liga San Miguel chega a Galiza

A Liga San Miguel chega a Galiza

A competición desembarca en augas galegas coa disputa das xornadas de Sanxenxo mañá e Bueu no domingo

Esta fin de semana as traíñas trasládanse a augas galegas para disputar a segunda e terceira xornada da Liga San Miguel. Os clubs mediranse este fin de semana nunha dobre xornada de remo coa disputa da II Bandeira Nauta Sanxenxo mañá e a Bandeira Concello de Bueu no domingo. O encontro de mañá disputarase ás 18.00 horas en augas de Sanxenxo onde os clubs vogarán nun campo de regateo coas balizas interiores de saída e chegada situadas na Praia de Silgar. Os remeiros terán que facer frente a tres millas divididas en catro longos con tres ceavogas.

Os 12 clubs dividiranse en tres quendas e estas quendas están xa compostas seguindo a clasificación xeral na pugna pola 'Corona La Caixa'. Daquela, na primeira quenda remarán Urdaibai Avia, Pedreña, Zierbena Bahías de Bizkaia e San Pedro Ecolmare; a segunda quenda estará composta por Cabo, Astillero, San Juan Iberdrola e Portugalete Eulen; e finalmente, na quenda de honor remarán Hondarribia Orsa, Tirán Pereira, Kaiku Ambilamp e o líder da Liga San Miguel, Orio Babyauto. A xornada de mañá tamén nos vai servir para ver en acción as traíñas do grupo A da LGT que disputarán ás 17.00 horas a III Bandeira Concello de Sanxenxo.

Pola súa parte, no domingo ás 12.00 horas celebrarase a Bandeira Concello de Bueu en augas da Ria de Pontevedra onde as 12 traíñas afrontarán un campo de regatas de tres millas náuticas repartidas en catro longos -entre a Ensenada de Bueu e a Praia de Agrelo- e tres ceavogas. Neste caso as quendas estarán condicionadas pola clasificación da II Bandeira Nauta Sanxenxo do día anterior disputada en Sanxenxo, polo que as quendas saberanse inmediatamente despois da disputa desta regata. Ao igual que na xornada anterior en Sanxenxo, antes da regata de Bueu celebrarase a regata XVIII Bandeira Concello de Bueu correspondente ao grupo B da LGT.

Voltar