Novas 2010

COMPETICION

13 Set 2010

A LIGA SAN MIGUEL ARRIBA A BERMEO NUNHA XORNADA NON APTA PARA CARDÍACOS

A Bou Bizkaia quere asegurar o título e a Corona Caja Madrid ante a súa cátedra; vaise disputar tamén a 1ª xornada do Play Off de Ascenso á ACT, con 4 embarcacións en liza e dúas prazas en xogo: Zumaia, Santurtzi, Camargo e Samertolameu

O verán vai indo, e o outono reclama o seu sitio. A Liga San Miguel está a rematar, pero quere rematar ao grande, con dúas xornadas emocionantes a máis non poder e non aptas para cardíacos. Moito, ou todo en xogo nas dúas citas da derradeira fin de semana de competición. A primeira en Bermeo, e a segunda en Portugalete. A xornada de Bermeo disputarase o sábado 18 de setembro ás 16h30. É a 17ª proba puntuábel da Liga San Miguel.

Desa hora comezará a BERMEO HIRIKO XXVIII. IKURRINA. Proba que se presentou este mediodía no Concello da localidade viscaína. Alí asistiron o alcalde da localidade costeira, Sr. Xabier Legarreta, e o presidente de Urdaibai AT, Sr. Josu Zabalondo. A regata está organizada por Urdaibai Arraun Taldea e patrocinada polo Concello de Bermeo. Repartiranse 22.500 euros en premios, e as oito mellores embarcacións da Liga San Miguel disputarán dúas quendas de catro longos e tres ceavogas.

A regata promete ser de infarto. A anfitrioa chega co liderado debaixo do brazo ante a súa cátedra. Dous puntos de vantaxe logrados a base de moito esforzo e suor. Dous puntos que poden dar ou quitar a Corona Caja Madrid. Urdaibai Umpro Avia é favorita, pero Orio Amenabar non se ha de render sen máis. A igualdade da Liga San Miguel demostrou esta tempada que o gañado nunha xornada pérdese na seguinte, e iso fai que a competición de Bermeo sexa unha das máis emocionantes da tempada. A Bou Bizkaia actuará chea de motivación diante da marea azul, pero actuar ante a súa afección tamén pode crear presión de máis.

Emoción na Liga San Miguel e emoción na 1ª Xornada do Play Off de Ascenso á ACT. Media hora antes de que se decida a Liga, disputarase a primeira batalla por conseguir os dous billetes que se porán en xogo para se manter, ou ascender á ACT. Manterse, no caso de Zumaia Altuna y Uria. Ascender no caso das dúas primeiras clasificadas da liga ARC-1, a Sotera de Santurtzi e Camargo, e Samertolameu. As 4 embarcacións vogarán na modalidade contra o reloxo, saíndo con cadanseu intervalo dun minuto entre si. A respecto do sistema de puntuación e demais requisitos, aplicarase o determinado na norma V (Sistema de ascensos e descensos) da Normativa de Competición ACT 2010. A vencedora obterá 4 puntos, a 2ª clasificada 3, e así sucesivamente. Este mesmo sistema utilizarase o domingo en Portugalete, e os dous clubs que máis puntos consigan, vogarán na Liga San Miguel 2011. De haber empate a puntos, a suma do tempo obtido nas dúas regatas decidirían os dous postos.

Voltar