Novas 2017

ASOCIACION

18 Mar 2017

A ACT, con rumbo fixo cara a súa 15ª edición

A ACT, con rumbo fixo cara a súa 15ª edición

O calendario ou a ratificación dos órgaos de competición foron os dous temas máis salientábeis da Asemblea celebrada hoxe en Bermeo

O verán vai estando máis próximo e con el chegará, por décimo quinta vez consecutiva, a máxima competición de traiñeiras do momento onde, de novo, os 12 mellores clubs pelexarán por se facer coa ansiada Coroa CaixaBank. Malia aínda faltaren tres meses para se dar o bandeirazo de saída, os socios xa teñen a ollada posta aí. É por isto que esta mañá, o Museo do Pescador de Bermeo reuniu en Asemblea os socios da ACT onde se debateron diferentes puntos baixo a dirección de Borja Rodrigo, que tras o seu nomeamento en xaneiro, hoxe estreábase á frente da Asemblea.

Un dos máis significativos sen dúbida foi a aprobación do calendario, que unha vez máis levará a competición por toda a Cornixa Cantábrica e Atlántica. Un calendario que contempla ademais este ano como novidade o desembarco por primeira vez da ACT na Praia de Riazor da Coruña o vindeiro 15 de xullo, en Ares ao día seguinte e en Ondarroa o 13 de agosto. Outro dos encontros a salientar é o retorno a Santander, concretamente á Praia de El Sardinero, coa desputa da V Bandeira CaixaBank. A día de hoxe, a competición arrancará no seu contorno natural o vindeiro 1 de xullo coa desputa da VIII Bandeira de Bilbao, aínda que da Asociación séguese a traballar para dar continuidade á estratexia de expansión da competición e mantener deste xeito a regata exterior. En calquera caso, o calendario contempla nestes momentos 18 encontros, pondo o punto final no vindeiro 17 de setembro coa clásica Bandeira El Corte Inglés, onde se coroará unha vez máis ao campión coa Coroa CaixaBank. Ao igual que a competición masculina, a feminina tamén voltará ter ás catro mellores traiñeiras que pugnarán por romperen a hexemonía de San Juan Iberdrola nas tres últimas edicións da Liga Euskotren. Así, o playoff de acceso desputarase en Orio e Donostia o 8 e 9 de xullo, mentres que a competición culminará un ano máis en Zarautz o 19 e 20 de agosto.

Ademais, ratificáronse os órgaos que compoñen a competición e aprobouse a entrada de novos membros. Así, Andreu Camps seguirá a ser o Xuíz Árbitro e Esther Queraltó a Xuíza de Disciplina. Mentres que Juanjo Badiola mantense á frente do Órgao Antidopaxe. No apartado de altas, salientar a entrada como novo Xuíz de Competición de Félix Mercado, con ampla experiencia no asesoramento xurídico en diferentes federacións deportivas. Mercado colle así o testemuño de Manuel Sendón, quen se fixo cargo de forma eventual até que a Asociación nomease o novo Xuíz de Competición. No que ao Comité Técnico respecta, Eugenio Fernández mantense á frente deste, mentres que Julen Erauzkin substituirá a Ainhoa Iñíguez. Erauzkin, con unha longa traxectoria no mundo do remo, do 2008 até o pasado verán exerceu como Director Técnico da Federación Española de Remo.

Outros puntos salientábeis son o do orzamento que se aprobou nunha cifra estimada para este ano dun millón de euros. Ou a aprobación da matización do Artículo 25 da Normativa de Competición, no cal se estipula que un club apenas pode ter convindo por afinidade a un único club.

Tras a Asemblea, os clubs acudiron ao Eneperi Jatetxea de Bermeo onde Urdaibai Avia convidou a comer ao resto de socios. Un costume que se extendeu xa nos últimos anos, en que o vixente campión convida a xantar ao resto de socios. 

Voltar