Novas 2016

COMPETICION

14 Xul 2016

16 traiñeiras inundan Bilbao este sábado

16 traiñeiras inundan Bilbao este sábado

A capital biscaína celebra unha dobre xornada de regatas coa Liga San Miguel e a Liga Euskotren

A ría de Bilbao acollerá unha nova edición da Bandeira de Bilbao este sábado a partir das 18.00 horas (ETB1 – TVG2). Un encontro que este ano fai a súa sétima edición, e que corresponde á sexta xornada da Liga San Miguel. Ademais, como novidade, este ano desputarase a primeira Bandeira de Bilbao feminina, coa presenza das catro mellores traiñeiras do momento. Cómpre sinalar, que tras o playoff de acceso á Liga Euskotren celebrado no pasado fin de semana, este encontro será o primeiro da tempada na que San Juan Iberdrola, Hibaika Jamones Ancín, Orio Babyauto e Cabo se vexan as caras.

A xornada terá o seu punto de partida e chegada na Ponte do Concello, situando as balizas exteriores pasada a Ponte Pedro Arrupe. Esta regata, desputarase en formato contra o reloxo individual, terá unha distancia de tres millas náuticas, repartidas en catro longos para as embarcacións masculinas. Mentres que a proba feminina será de dous longos para cubrir un percorrido dunha milla e media. A orde de saída, cómpre lembrar, virá marcado pola orde da clasificación xeral da Coroa CaixaBank. Deste xeito, na primeira quenda tomarán a saída Zumaia, Portugalete Eulen, San Pedro e Zierbena Bahías de Bizkaia. Na segunda, o turno será para Cabo, Tirán Pereira, Astillero e Orio Babyauto. Mentres que na quenda de honra remarán San Juan Iberdrola, Kaiku Producha, Urdaibai Avia e NT2 Hondarribia. Ademais, e como vén sendo habitual, o village que segue á Liga San Miguel estará ubicado ao pé do Paseo Uribitarte para o goce de todos os afeccionados.

Esta mañá celebrouse o acto de presentación desta VII Bandeira de Bilbao no Concello de Bilbao, onde estiveron presentes Oihane Agirregoitia, concelleira de deportes do Concello de Bilbao; José Manuel Ortiz, membro da Xunta Directiva da ACT; e Borja Rodrigo, representante de Deustu A.T. 

Voltar