Novas 2015

ENTREVISTAS

29 Abr 2015

Mudanza de dirección en Tirán

Mudanza de dirección en Tirán

José Ángel Cambados, adestrador de Tirán, chega ao equipo coa difícil tarefa de liderar unha nova etapa de renovación no club

Despois da marcha de Dani Pérez a Astillero, José Ángel Cambados foi o escollido polo club, co visto bo dos remeiros, para se embarcar nun proceso de renovación. A maior parte dos remeiros leva moitos anos no club encadeando bos resultados tempada tras tempada, mais Cambados afirma que atopou o equipo “bastante desgastado, tanto psicolóxica como fisicamente”. Por isto, mediante este proceso de renovación, este preparador galego pretende mudar os métodos de adestramento e “non queimar os remeiros durante o inverno” para que cheguen nunha óptima forma física ao comezo da Liga San Miguel no verán.

Este inverno o equipo tivo moitas baixas, 12 exactamente. Pero o equipo incorporou tamén moitos remeiros para completar un plantel competitivo, como son Diego Cabaleiro, Kevin Vieira, José María Pérez ou David Alfaya, vindo de Urdaibai Avia. Cambados tamén conta coa presenza de varios canteiráns que se queren facer con un posto no plantel para axudar a que o seu equipo chegue o máis lonxe posíbel. Durante a pretempada o equipo está adestrando duro para atopar a remada que lles quere aprender o seu adestrador, e este amósase optimista dicindo que “se o equipo é quen de a asimilar, o bote irá ben e rápido”. En canto a obxectivos, Cambados di que para esta tempada queren lograr a permanencia, para despois ir mellorando cos anos. Por último, o técnico de O Grove ve a Liga San Miguel 2015 igualada, na que diferencia dous grupos: “os galos” que pelexarán na parte de arriba, e o resto dos equipo que loitarán duramente por afastárense da parte de abaixo da táboa.

Voltar