Novas 2012

COMPETICION

20 Xu˜ 2012

ASUMIMOS O NOSO PAPEL DE CINCENTA

ASUMIMOS O NOSO PAPEL DE CINCENTA

Patxi Francés, Adestrador de Zierbena-Bahias de Bizkaia

Patxi Frances volve á Liga San Miguel, esta vez da man de Zierbena. Recén ascendida, transmite serenidade malia de recoñecer que son un dos candidatos a perder a categoría: “Éche o que hai, e o mellor é asumilo”. Con sinceiridade, pero prometendo batalla: “Que os demais sufran para nos dobregar”.

 

-Tes 53 anos, levas moitos anos no remo.

-Movinme en todos os paos. Comecei de xeito curioso. Facía todo tipo de deportes e o Fortuna sacou traíña. Un curmán meu andaba por alí, e díxome: “Por que non ves?”, e tal. Era o ano 84. Non me quería enredar, aínda que sempre me gustou o mar. Marchoume a rapazada de vacacións e encetei a remar. Comecei a adestrar un xoves, e ao cabo dunha semana era o Campionato de Gipuzkoa na Concha, e alí remei. Figúrate. Quedamos os penúltimos, gañando a Hernani. De aí pasei a Donosti, un par de tempadas, e xa remei na bandeira da Concha. Deseguido Hondarribi, porque lles faltaba xente. De aí para Zumaia, no 88, despois de que gañaran a Concha. Foi ben, e de aí chamáronme da Luis Carril. Remeiro e adestrador. Tamén traballei de presidente, e a miña muller Miren Santamaría de delegada, a primeira que cumpriu esa función. Era o ano 89, e fomos cuartos na Concha.

 

-De aqueles anos aos actuais… Moitas diferenzas?

-Non había ligas estabelecidas, había que  chamar aos organizadores de regatas para ver se che convidaban, facer de todo, remar, adestrar…

 

-Un pequeno resumo do teu periplo remeiro, dende que comezaches até o día de hoxe?

-Dende o 83 ao 98 fun remeiro, no 89 remeiro e adestrador, e do 98 en diante só adestrador.

 

-Que labor prefires?

-Quédome con todo, gústanme todos os prismas deste deporte, non podería escoller un, e cada ano gústame máis. É certo que cando máis disfrutei foi remando. Sentir esa sensación de sofrer, gañar, domear a onda e non que a onda che domee a ti… non hai unha sensación tan boa. Teño 53 anos e aínda sabendo que non estou para remar, remaría con gusto. Gañei a última Concha con 40 anos. Até hai 5 anos non era moi normal algo así.

 

-No é doado aguantar tantos anos.

-Para aguantar tanto é fundamental conciliar ben coa parella e a familia, porque o remo quítache moito na túa vida persoal, e se non tes apoio ou comprensión da parella ou dos fillos, é imposíbel, porque logo xorden lios.

 

-Orio é importante na túa vida profesional.

-É o meu lar. Pasei 19 anos alí. Deilles todo e eles tamén mo deron a min. Ademais, eu de mozo sempre fun de Orio. Sufrín moito o ano pasado, cando perderon a categoría.

 

-Como foi o de Zierbena?

-Dous anos antes, xa se puxeron en contacto comigo pero eu comuniqueilles que ficaba en Orio e no 2009 volveron insistir e o primeiro que fixen foi falar con Igon Lertxundi (presidente de Orio) comunicándolle que se me confirmaba que Orio B seguía eu ficaba, pero él díxome que até novembro non encetaban os adestramentos e que non me podía asegurar nada. Novembro era xa tarde para me poder ir a outro club e decidín marchar para Zierbena.

 

-Como é Zierbena para a xente que non coñeza o club?

-É un club modesto, somos catro gatos pero comprometidos, boa xente, pero á vez é un club complicado porque é un municipio de 1.000 habitantes. Non ten mocidade, é difícil atraer aos máis novos. Como o superas? Pois con traballo e ilusión. Ambiente temos o mellor, pero potencial económico limitado. Somos legais e quen reman con nós tamén. Temos baixas continuamente, ano tras ano, e importantes. É un traballo complicado. Subimos á Liga San Miguel, e perdemos catro titulares de babor, todos eles propios, tres canteiráns.

 

-Estades na Liga San Miguel. Que che anda nos miolos a unha semana do comezo?

-Somos a priori a Cincenta da Liga, pero a nosa ilusión é mantérmonos.

 

-Asumir si, pero renunciar a vos manterdes non.

-Sabemos o que somos, recoñecémolo, e a partir de aí a traballar, que imos ser difíciles de gañar. Perder a categoría é unha posibilidade moi real, pero cómpre dicirlles aos demais que van ter que sofrer. Procuraremos dar guerra, e non rendérmonos antes de loitar. A unión é chave, o grupo, todos sen fendas. Tivemos resultados pobres antes da Liga, e póñome de malas porque son competitivo e esixente, pero vou a morte cos remeiros e imos saír adiante.

 

-Unha breve análise da Liga.

-Vexo catro favoritos: Kaiku, Urdaibai, Hondarribia e Tirán, que poden formar a quenda de honra pero destas catro eu achégome a Kaiku e Hondarribi.

 

-Unha sorpresa?

-San Pedro. Non os metín na quenda de honra, pero por aí van andar.

 

-Como ves en xeral a Liga San Miguel agora que volvestes a ela?

-Polo que a min me toca e no que respecta aos remeiros e propios, non concordo con que as normas sexan iguais para todos, porque os clubs, as súas posibilidades son diferentes. Non é o mesmo traballar nunha contorna de 50.000 habitantes que nun municipio de 1.000, todo o mundo mira por si, polo que lle interesa no momento pero hai un interese xeral que é o remo e do cal moitos se esquecen. Hai que deixar subsistir os clubs e deixar que a xente que quere remar e non pode porque é propia dun club alo que xa non lle interesa poida facelo. Para iso estamos outro tipo de clubs, que podemos contar con esa xente.

 

-Ti tes traballado moito coa canteira, e dende que estás en Zierbena, non tes a opción de o facer. Como valoras as distintas formas de construir un plantel de remeiros?

-Está claro que é moito máis sinxelo traballar nun equipo que teña canteira e fichar o que precises, que facelo como o fago agora, contando con xente de diferentes clubs e diferentes xeitos de remar.

Voltar