Novas 2016
ESPECIAL
23 Set 2016
O cor de rosa acapara protagonismo
Endika Pérez e Unai Oliden conseguen o Trofeo CaixaBankal Mellor Patrón nun acto no que estiveron presentes a grande maioría de patróns
Os patróns de San Juan Iberdrola, Endika Pérez e Unai Oliden, por segunda vez consecutiva voltaron coroarse esta tarde na Sociedade Ondartza de Zarautz co Trofeo CaixaBank ao Mellor Patrón. Un galardón, cómpre sinalar, que até o día de hoxe ninguén conseguiu en propiedade. E é que para poder conseguilo, o patrón terá que se impór nesta clasificación polo menos en tres ocasións, algo que os sanjuandarras xa fixeron.
O acto, no que estiveron practicamente todos os patróns participantes da última Liga San Miguel canda os recén ascendidos de CR Ares, comezaron con unha homenaxe aos gañadores do ano pasado, Endika Pérez e Jon Ormazabal, quen recibiron da man de Estibaliz Areitio, directora de área de negocio de CaixaBank en Gipuzkoa, a réplica da traiñeira de prata. Xusto a seguir, foi o turno para a dupla vencedora, formada polo propio Endika Pérez e Unai Oliden, que ademais de recibiren o trofeo, levaron un cheque por valor de 3.000 euros. Cómpre salientar que os rosas conseguiron na presente campaña 20 puntos, avantaxando en cinco puntos a Gorka Aranberri e Ioseba Amunarriz. Malia a diferenza no casilleiro, a batalla estivo moi apertada e até a derradeira xornada non se soubo quen sería o gañador.
Cómpre lembrar que para elaborar a clasificación, o Comité Técnico dispón dos datos obxectivos que ofrece o GPS, ademais do seguemento realizado a cada traiñeira durante o desenvolvemento da regata. Os datos do GPS amosan os metros realizados, o tempo invertido en virar na ceavoga -tomados de 50 metros antes a 50 metros despois do punto da baliza correspondente- e o factor relativo resultante do traballo realizado apenas polo patrón (velocidade da embarcación pola velocidade do xiro na ceavoga). Ademais, calificouse tamén a pericia do patrón para dirixir a súa embarcación.
Daquela, Endika Pérez súmase ao selecto grupo dos bicampións, até o de agora composto por Ioseba Amunarriz (2009 e 2012) e Asier Zurinaga (2011 e 2013). No historial de gañadores tamén atopamos a Vicente Carpintero (2014), Irakoitz Etxeberria (2008) e Aitor Carrillo (2010). A este grupo cómpre engadir ao mozo Unai Oliden (2016).