LEKITTARRA ELECNOR

Historia

Patrocinadores do club
  • Elecnor
  • Cikautxo
  • BM
  • Lasuen
  • BURDINOLA
  • Silken Palacio Uribarren
  • Bizkaiako Foru Aldundia
  • Anbasa
  • Grafo
  • Grafilur
  • Lekeitioko Udala
  • Bizkaialde
  • GAIMAZ

Malia ser Lekeitio unha vila de pescadores, por moitas razóns non se xestou ningún club de remo até ben entrada a década de 70. Houbo regatas e non faltaba afección a este deporte, pero os lekittarras non puideron demostrar as súas cualidades dentro da traiñeira até a fundación do club de remo Isuntza no 1977. Valerio Basozabal e unha cuadrilla de mozos crearon o club de remo con pequenas axudas económicas recibidas da xente da vila que dende o primeiro momento deron o seu apoio ao proxecto.

Este proxecto tiña como obxectivos principais fomentar o deporte na mocidade, crear un ambiente de afección ao remo e participar nas competicións oficiais tratando de conseguir o máis alto nivel deportivo posíbel. E todo isto como parte da formación en valores individuais e coletivos dos deportistas. Valores que durante todos estes anos de andaina deportiva foron e seguen a ser transmitidos principalmente por Josu Aboitiz, alma máter do club. En base a estas premisas, Isuntza foi medrando e definíndose  como un club de canteira, sendo os remeiros canteiráns o activo máis importante do que dispón. E logo de 42 anos de traballo nesa liña, reafírmase ano a ano en manteren ese estilo co que se sinten identificados deportistas e afeccionados.

Os primeiros anos e con medios moi humildes encetouse a andaina participando nas regatas de bateis e traiñeiriñas. Logo se comezaron a apañar os froitos de aquel esforzo dos mozos afeccionados. Salienta, por exemplo, o Campionato de España de bateis en categoría cadete conseguido en Luanco no ano 1980  e tamén o mesmo Campionato do ano 1982  en categoría xuvenil.

Isuntza debutou en competición oficial coa súa traiñeira na Bandeira Portus Amanus o día 25 de xullo de 1982. Paso a paso o proxecto foi asentando e índose nunha realidade seria e con futuro. Se tivesemos que mencionar unha regata daqueles primeiros anos citariamos a Bandeira El Corte Inglés de 1984 onde contra todo prognóstico, os lekittarras melloraron todos os tempos dos favoritos.

Foi o ano 1985 cando Isuntza Arraun Elkartea, grazas ao esforzo e xestión do seu Presidente Santiago Zumaran e a súa Directiva, conseguiron, coa axuda do Concello e da Deputación, inaugurar un pavillón propio cunhas instalacións adecuadas á dimensión que tiña adquirido o club. Dende entón os locais coñecidos como baixos do al, a carón da praia e do porto pesqueiro, continúan a ser a sede deportiva do club. O ano 1986 Isuntza logrou clasificarse para a Bandeira da Concha e, aos poucos, a traiñeira Lekittarra ía índose nunha das clásicas do mundo do remo de banco fixo. No ano 1999 conseguíronse catro bandeiras, medalla nos Campionatos de Bizkaia e Euskadi e a clasificación na Bandeira da Concha.

Con eses resultados parecía que Isuntza navegaba polo bo camiño achegándose ás grandes tripulacións do Cantábrico. Na creación no ano 2000 da Liga Vasca, repartida en dous grupos, a traiñeira lekittarra conseguiu meterse no grupo dos mellores, a Liga A, logrando un meritorio sexto posto na clasificación xeral final. Tamén ese ano foi a gañadora do campionato de Bizkaia de traiñeiras.

No ano 2001 logrou clasificarse de novo para a desputa da liga Liga Vasca A. Ese mesmo ano foi medalla de bronce no Campionato de Bizkaia de traiñeiras e no 2002  e 2003 foi medalla de prata nesa mesma competición. Esta grande progresión da traiñeira lekittarra ratificouse ao formar Isuntza parte da nova liga de traiñeiras denominada ACT no 2003. Isuntza conseguiu estar por méritos propios entre as 12 mellores traiñeiras do Cantábrico. Foron estes 12 clubs de remo quen fundaron a nova asociación na que a traiñeira de Lekeitio desputou as ligas dos anos 2003, 2004 e 2005; este último ano foi baixa ao ser superada polas súas rivais, candidatas ao ascenso no playoff.

Da tempada 2006 en diante, Isuntza fixo parte da recén creada Liga ARC. Trece anos consecutivos como socio da Liga de Remo do Cantábrico mantendo en todas esas temporadas un nivel más que notábel como o demostran as súas 16 bandeiras conseguidas na ARC-1. Catro tempadas logrou ser subcampioa dese grupo e seis veces consiguiu ser a terceira na clasificación xeral final. Coa excepción da tempada 2015, Isuntza foi club fixo da quenda de honra desta competición. Cómpre salientar que nos anos 2006 e 2008 participou nos Pre-Play-Off  entre os candidatos con dereito da Liga ARC e da LGT para se presentar aos Playoff de ascenso á liga ACT. En ningunha das dúas edicións consiguiu superar ese primeiro obstáculo.

No ano 2013 logrou clasificarse para desputar o Playoff de ascenso á ACT pero non o logrou por apenas 56 centésimas. Foi difícil erguerse dese duro golpe, pero había que continuar co traballo ben feito. Así, no ano 2018, logo de ficar subcampión da liga ARC-1 e gañar catro bandeiras e unha meritoria medalla de bronce no Campionato de Bizkaia, Isuntza logrou o soñado ascenso á Eusko Label Liga tras gañar con autoridade no playoff. Despois de tantos anos, Isuntza, un dos fundadores da ACT, regresa con todo merecemento.

No 2020, Isuntza conseguiu estar na segunda quenda grazas aos 85 puntos conseguidos na tempada. No 2021, porén, non deu mantido o ritmo da tempada anterior, e estivo a pelexar con Ares por seren os primeiros da terceira quenda. Finalmente, e sen pasaren apuros por ter que ir aos Play Offs, con 73 puntos conseguen manterse na Liga Eusko Label.