Novas 2017

ESPECIAL

12 Set 2017

Á procura dunha praza na elite (I)

Á procura dunha praza na elite (I)

Ares, S.D. Samertolameu e C.R. Puebla procuran redondear a tempada con un bo resultado no playoff de ascenso da Eusko Label Liga

Esta fin de semana Bermeo e Portugalete recibirán toda a adrenalina das últimas dúas xornadas da loita pola Coroa CaixaBank. Mais este non será o único foco de atención destas dous encontros de remo, xa que tamén se porá en xogo o playoff de ascenso á Eusko Label Liga, onde cinco equipos competirán por conseguir un dos dous billetes que darán dereito a remar a tempada que vén na máxima categoría do remo.

Os equipos participantes neste playoff son S.D. Samertolameu, C.R. Puebla, Donostiarra, Santurtzi Iberdrola e Ares. Entre hoxe e mañá, coñeceremos as impresións dos adestradores destes equipos ante estas dúas xornadas que se presume serán as máis importantes da tempada para os cinco.

Hoxe traemos os representantes galegos deste playoff. Ares chega a este encontro da tempada por segunda vez consecutiva, pero desta volta faino como un dos máximos favoritos a manter a súa posición como equipo da Eusko Label Liga. En palabras do seu adestrador Agustín Fernández, Ares “pagou a novatada” esta tempada na Eusko Label Liga, na que “os nervios nas primeiras regatas eran demasiado evidentes”. Pero de cara a este novo reto, o técnico galego recoñece que logo dun período de dúbidas, “a confianza na traiñeira" voltou.

Dani Pérez chega ao mando de S.D. Samertolameu a este playoff no que voltarán loitar por un posto na elite, logo de renunciaren o ano pasado a participar neste encontro. A tempada comezou para os de Meira con “resultados un pouco irregulares” debido á mudanza de ciclo, mais o rendemento foi mellorando para se consolidar como rival a bater nestas dúas xornadas. Para afrontar as dúas batallas finais da tempada, Pérez conta con “un plantel veterano” que sabe superar as situacións cando as cousas se poñen difíciles.

C.R. Puebla chega con “moita ilusión pero tamén con incertidume” ao chegar por primeira vez a unha regata da ACT. José Parada, coa axuda de Jesús Silva, veterán remeiro e segundo adestrador do club, asegura que chegan a este encontro “con todo o desparpajo do mundo” despois de conseguiren clasificarse en segunda posición no Grupo A da LGT. O adestrador coruñés avisa de que co mar “en calma desenvólvense ben”, pero que o seu “hándicap” é manexarse nas ondas.

Voltar