Novas 2017

ASOCIACION

28 Xan 2017

Borja Rodrigo, novo Presidente da ACT

Borja Rodrigo, novo Presidente da ACT

Na Asemblea celebrada esta mañá en Oiartzun, os socios decidiron que Rodrigo sexa o relevo do até hoxe Presidente Pedro Andueza

Arranca un novo ano para a ACT e, como vén acontecendo habitualmente, este comezo faise en Oiartzun, onde a Asociación ten a súa sede, e onde ao longo da mañá se desenvolveu a primeira Asemblea de 2017. Entre os puntos máis salientábeis na orde do día estaba, dunha banda, a admisión como socios de Ondarroa e Ares, coa conseguinte perda da condición de asociado de Portugalete Eulen e Zumaia. E de outra banda, a elección do novo Presidente e da súa Xunta Directiva, cedendo así Pedro Andueza o testemuño tras cinco tempadas á frente do remo longo da ACT.

Daquela, tras sometéreno a votación, Borja Rodrigo (Bilbao, 1977) é de hoxe en diante o novo Presidente da ACT. Un Borja Rodrigo que non é novo no mundo do remo, xa que dende 2006 está ligado como directivo a Deustu Arraun Taldea. Ademais, entre 2009 e 2010 estivo tamén de directivo na ARC (Asociación de Remo del Cantábrico). Na súa etapa máis recente, que se extende de 2011 e até há un par de meses, presidiu a Federación Vizcaína de Remo. Agora comeza unha nova etapa nunha Asociación coa que xa traballou conxuntamente estes anos e na que estará acompañado por tres directivos máis. No labor de Secretario estará Mario Vidal, Presidente de Cabo; como Tesoureiro estará Josetxo Aranburu, directivo de San Pedro; mentres que Elisabeth Carral, Presidenta de Astillero, exercerá as funcións de Vogal.

En declaracións a ACT TV, Rodrigo afirma estar “con moita ilusión ante este proxecto de nivel máximo. Manter isto xa é todo un reto e é o que me fai estar con toda a vontade do mundo”. Reflexionando sobre a ACT, explica que “está moi evoluída e con unhas bases moi sólidas, trataremos de manter os ingredientes que Pedro aportou nos últimos anos. Ese espíritu de unión, de consenso, de xuntar intereses polo ben común no que se dá cabida ás propostas dos socios e ás das propias marcas que nos patrocinan”. En calquera caso, non esquece que todo isto ten que estar baseado “nunha xestión responsábel e eficiente, tratando iso si, sempre de mellorar e ampliar a presenza da Liga”.

Tras da Asemblea, e como vén ocorrendo sempre neste día, os socios acudiron á Sidrería Bereziartua para degustaren a nova sidra e onde os socios aproveitaron para despedir dunha forma emotiva ao que até hoxe foi o seu patrón, Pedro Andueza. 

Voltar