ACT TV

ESPECIAL

05 Ago 2019

Todo por decidir

Todo por decidir

Chega o momento chave da Eusko Label Liga e da Liga Euskotren na que cada punto é determinante para os clubs na procura por conseguiren os seus obxectivos

Entramos en agosto e canda o mes, chega o momento chave da tempada. Aínda fican moitas regatas por se desputar, moitos puntos en xogo e non hai nada decidido aínda. Na Eusko Label Liga restan 8 xornadas, a competición ten que viaxar neste mes e medio que falta a Ondarroa e Hondarribia, a Zarautz para desputar a mítica dobre xornada, a Bueu e Boiro na segunda fin de semana galega da tempada e, xa en setembro, os oito mellores clasificados e os participantes do playoff loitarán en Bermeo e Portugalete nas dúas últimas xornadas da tempada.

Orio Babyauto chega como líder destacado a este treito decisivo tendo vencido en cinco regatas, e cun total de 133 puntos, parece difícil que alguén poida desputarlles o campionato aos 'aguiluchos'. Pero aínda non hai nada escrito, xa que os vindeiros catro equipos na clasificación non llo porán doado. Santurtzi Iberdrola con 117, GO fit Hondarribia con 115, Zierbena Bahías de Bizkaia con 112 e Donostiarra con 105, axexan os postos cabeceiros e desputarán ao máximo cada unha das 8 bandeiras que restan por se desputar. Urdaibai Avia, na sexta posición con 97 puntos, tentará mellorar neste treito final as malas sensacións coas que comezou o equipo 'txo' a tempada da Eusko Label Liga.

Na parte media da táboa tampouco hai nada decidido con Cabo (60), Ondarroa Cikautxo (60) e Kaiku (57) separados apenas por tres puntos, as tres embarcacións afrontarán cada regata como unha posibilidade para deixaren atrás os seus perseguidores e lograren asegurar así unha praza entre os 8 primeiros e tamén un pase para desputar a Bermeo Hiriko XXXVII. Bandera - Avia Sari Nagusia e a XLIX GP – XLV Bandeira El Corte Inglés.

E o que dicir da parte baixa da clasificación. Aquí aínda está todo por se decidir e non hai nada claro polo momento. Lekittarra Elecnor elude, por agora, as prazas de descenso directo e playoff con 30 puntos. Pero os tres puntos que ten sobre Astillero Repsol Electricidad y Gas (27) non son garantía de nada cando aínda restan seis xornadas para decidirse o descenso. San Pedro, con 23 puntos, tentará no que resta de tempada rabuñar aos poucos os catro puntos de desvantaxe que ten sobre os cántabros para eludir o descenso directo e xogárense a súa continuidade na Eusko Label Liga frente aos equipos que veñan da ARC-1 e da LGT A para desputaren o playoff.

Na Liga Euskotren, máis do mesmo. Con 39 puntos e 9 vitorias, parece que Orio Babyauto farase co seu primeiro Trofeo Euskotren nesta tempada. 8 son os puntos que Donostia Arraun Lagunak (31) tería que acurtar nas catro xornadas que restan para que a 'San Nikolas' non se convirta na traiñeira máis forte do Cantábrico o vindeiro día 18 en augas de Zarautz. Pola súa banda, a apertada loita entre Donostiarra (16) e Hondarribia Bertako Igogailuak (14) nestas catro xornadas semella impresionante e até a derradeira pada non se decidirá quen se xogará a súa continuidade na Liga Euskotren canda as embarcacións femininas que procurarán o seu posto no playoff que se vai desputar en Bermeo e Portugalete os días 14 e 15 de setembro respectivamente.

No que respecta ás clasificacións de Mellor Patrón CaixaBank e Mellor Patroa, tampouco nos faltará emoción até a derradeira xornada. Arkaitz Diaz lidera a táboa con 13 puntos, pero tanto Borja Gómez (9) coma Iñaki Goikoetxea (9) faranlle suar a gota gorda para se enfundar no final da tempada o maillote branco de CaixaBank. Pola súa banda, ao igual que na Clasificación Xeral da Liga Euskotren, Nadeth Agirre tamén é dona do maillote de Mellor Patroa con 22 puntos, seguida por Andrea Astudillo con 15 e Nerea Pérez con 13.

Voltar