Novas 2018

ESPECIAL

18 Out 2018

Rumbo fixo de crecemento

Rumbo fixo de crecemento

A Eusko Label Liga repunta e é valorada en 36 millóns de euros, con impactos directos de máis dun millón de euros sobre sedes de xornada

A Eusko Label Liga puxo fin á súa tempada hai pouco máis dun mes en augas de Portugalete. Logo dun verán no que se estendeu a batalla pola Coroa CaixaBank durante 19 xornadas e onde se repartiron máis de 450.000 euros en premios. Ademais, a Liga Euskotren tamén veu ampliado o seu calendario, pondo en liza as catro mellores tripulacións femininas ao longo de 14 xornadas.

Todo este intenso verán, no que a igualdade entre as tripulacións marcou o ritmo das regatas, traduciuse nun repunte das audiencias, obtendo un 10,6 de share de media nas 19 emisións en directo realizadas pola ETB. Unha Eusko Label Liga, cómpre sinalar, e como vén sendo habitual, que tamén foi retransmitida en directo pola TVG. E malia ese grande repunte na cota de pantalla con respecto ao ano pasado, de máis dun punto e medio, a asistencia in situ do público tamén se viu incrementada. Logrando unha media de asistencia nas regatas celebradas en Euskadi de 17.000 asistentes, mentres que nas de Galiza e Cantabria obtivo unha media de 12.000 espectadores.

Este crecemento de público en regata pódese ver no seguinte exemplo. A II Bandeira Cidade da Coruña, segunda vez que a Eusko Label Liga visitaba a Praia de Riazor aínda que nesta ocasión por partida dobre, obtivo un impacto económico directo sobre a Coruña de 1.050.000 de euros, quintuplicando a cifra lograda na primeira edición. Neste estudo realizado polo Observatorio de Turismo do Concello da Coruña, concluiuse tamén que o evento é unha plataforma moi positiva para atraer visitas e promocionar a cidade.

No que respecta ao impacto de comunicación, a web experimentou un crecemento de case o 20% no índice de visitas, obtendo case 2.500.000 ao longo da campaña. A modo de curiosidade, Rusia é o segundo país (1,51%) que máis visita a web, mentres que Francia (1,32%) e Estados Unidos (0,62%) completan a cabeza. Dentro dos idiomas nos que se ofrece a web, o castelán é o máis usado superando o 90%, mientras que el inglés ocupa a segunda praza cun 4%. O 2% das visitas optan polo galego e o euskera.

Xa no apartado de redes sociais, en Facebook conseguíronse preto de 6.000.000 de impresións cun engagement de 6,8%. No Twitter, onde se traballa con tres contas, lográronse 3.845.321 impresións, mentres que o engagement chega ao 14,2%. Dúas canles, Facebook e Twitter, nas que se apostou polas emisións en directo como as das entregas de premios, presentacións e até a Gala da Eusko Label Liga, que este ano reuniu o 7 de xuño 900 convitados no Frontón Bizkaia. Pero se houbo unha canle que experimentou un grande crecemento, esa foi a de Instagram con máis de 127.000 interaccións e un alcance de 1.645.000.

Por último, ACT TV segue crecendo cunha produción de 150 vídeos e 800.000 visualizacións. No que respecta á Web App, o crecemento foi total con máis de 300.000 visitas. Unha aplicación que, entre outras cousas, permite seguir o sinal do GPS en directo durante a regata.

Todos estes resultados trouxeron consigo un estudo de impacto mediático realizado por Acceso Group e no que cuantificou economicamente a competición en máis de 36.000.000 de euros, con máis de 246 de horas de televisión, 587.000.000 de impactos e máis de 3.000 informacións.

Daquela, a ACT sigue en constante evolución, non apenas en materia de comunicación e marketing, senón que tamén segue a introducir melloras no apartado tecnolóxico como o acordo acadado esta tempada con Zunibal e polo cal a Boia Anteia estivo dando en tempo real a dirección, tamaño e serie da onda que entraba no campo de regatas. A iso, hai que lle sumar a tecnoloxía que vén acompañando a competición nos últimos anos, como o uso do GPS, as video-cámaras ou o audio incorporado nas traiñeiras.

Voltar