Novas 2019

COMPETICION

09 Ago 2019

Ondarroa e Hondarribia, para retomar a competición

Ondarroa e Hondarribia, para retomar a competición

A Eusko Label Liga e a Liga Euskotren voltan collerlle o pulso á competición en augas biscaínas e guipuscoanas
 

Rematou o parón e volta toda a emoción da máxima competición de traiñeiras. O sábado a partir das 18:00 horas, a competición chegará a Ondarroa coa desputa da XXXV Ondarroako Bandera - Cikautxo Sari Nagusia da Eusko Label Liga e a II Ondarroako Bandera - Cikautxo Sari Nagusia da Liga Euskotren. Deste xeito, a Eusko Label Liga chegará a Ondarroa por terceira vez cunha regata en formato de liña con dous longos e unha ceavoga no caso das traiñeiras femininas e de catro longos e tres ceavogas no caso das embarcacións masculinas, estas últimas divididas en tres quendas en función da clasificación xeral. As balizas interiores estarán colocadas a carón do espigón da rúa Egidazu Kaia e a Fan Zone da Eusko Label Liga para vivir a regata do mellor xeito estará colocada na Praza Itsasaurre. O ano pasado a vitoria foi para Zierbena Bahías de Bizkaia e o récord do campo de regatas está en mans de Getaria (2007) cun tempo de 19'17"79. En canto á Liga Euskotren, Donostia Arraun Lagunak fíxose coa I Bandeira - Cikautxo Sari Nagusia a tempada pasada e unha vantaxe de apenas 36 centésimas sobre a "Txiki" de Orio Babyauto. 

O domingo a partir das 11:40 horas, Hondarribia voltará recibir á máxima competición do remo, que non faltou ao seu encontro nos dezaseis anos de existencia que ten a ACT. O formato da regata será tamén o clásico, cubrindo as mozas 1,5 millas en dous longos e unha ceavoga, e os mozos tres millas en catro longos e tres ceavogas. Estes últimos farano de novo en tres quendas, pero a orde de saída virá determinada da regata do día anterior en Ondarroa. As balizas interiores estarán colocadas ao pé do espigón e a Fan Zone da Eusko Label Liga situarase a carón da praia hondarribiarra. Urdaibai Avia é a traiñeira que manda no palmarés da Hondarribiko Bandera - Mapfre Sari Nagusia, téndose imposto en 6 ocasións dende que o fixera por primeira vez no ano 2006. Tamén, os "txos" teñen de seu o récord da regata, realizado no ano 2008 cun tempo de 19'21"81. Porén, Cabo levou a bandeira do ano pasado cun rexistro de 19'45"86 e unha vantaxe de apenas 12 centésimas sobre a "Bou Bizkaia". Pola súa banda, na Liga Euskotren, San Juan impúxose na I Bandeira Mapfre cun tempo de 10'52"80 e a segunda praza foi para Orio Babyauto a 3" das "Batelerak".

Con todo isto, ambas competicións chegan a lume a esta segunda metade da tempada. Na Eusko Label Liga, a ‘San Nikolas’ de Orio Babyauto segue a mandar na Clasificación Xeral con 133 puntos, seguido por Santurtzi Iberdrola, con 117. Arkaitz Diaz, patrón de Donostiarra, lidera a clasificación do Premio CaixaBank ao Mellor Patrón, con 4 puntos de vantaxe sobre Iñaki Goikoetxea (Lekittarra Elecnor), Borja Gomez (Zierbena Bahías de Bizkaia).

Na Liga Euskotren, a ‘Txiki’ de Orio Babyauto continúa a ocupar o primeiro lugar da táboa con 39 puntos, 8 puntos por riba de Donostia Arraun Lagunak. As oriotarras tamén mandan na clasificación da Mellor Patroa, xa que Nadeth Agirre lidera a clasificación con 22 puntos, e unha vantaxe de 7 puntos sobre Andrea Astudillo (Donostia Arraun Lagunak) segunda clasificada.
 

Voltar