ACT TV 2019
ENTREVISTAS
16 Mai 2019
"O proxecto de Cabo é estar na Eusko Label Liga"
Benigno Silva, adestrador de Cabo, aspira a manterse na máxima categoría malia as importantes baixas
Logo do bo traballo de Cabo na tempada anterior, Benigno Silva volta porse un ano máis á frente do equipo galego para seguir dando guerra nesta competición. Porén, o preparador de Cabo afirma que o plantel mudou con respecto ao do ano pasado, con sete baixas titulares, incluído o patrón. Silva é consciente disto e quere seguir a traballar e a mellorar para que o seu equipo dea a mellor imaxe posíbel este verán.
En canto aos descensos de inverno, o equipo boirense gañou tres das catro que desputou. Con todo, o equipo galego non puido medirse esta pretempada cos demais clubs da Eusko Label Liga, polo que estas vitorias non dan pistas sobre o lugar que poden ocupar na clasificación.
Silva confirma que o obxectivo básico é manterse, xa que "o proxecto de Cabo é estar na Eusko Label Liga". Porén, o adestrador é cauteloso, e apunta que o nivel da máxima categoría do remo subiu moito e en cuestión de moi poucos segundos entran moitas embarcacións. "Calquera mudanza do vento afecta bastante", sinala o preparador de Cabo.