Novas 2018

ESPECIAL

24 Ago 2018

Galiza pecha o telón da fase regular

Galiza pecha o telón da fase regular

Logo das dúas regatas da fin de semana coñeceranse os catro últimos postos da clasificación xeral

Eusko Label Liga atópase xa na recta final, restan apenas catro regatas para o final da competición e dúas delas terán lugar esta fin de semana en Galiza. Moaña e Boiro recibirán un ano máis á elite do remo e dictarán sentenza no que se refire á parte baixa da clasificación. 

O sábado a partir das 18:00 da tarde desputarase a XXXVI Bandeira Concello de Moaña – GP Fandicosta. Unha regata con formato de liña coas 12 embarcacións divididas en 3 quendas para realizar en catro longos con tres ceavogas un total de 3 millas náuticas. A orde de saída virá determinada pola clasificación xeral da Eusko Label Liga, polo que na primeira quenda participarán Tirán PereiraSan Juan SumelecKaiku Producha San Pedro. Na segunda quenda farano Ondarroa CikautxoDonostiarraCabo e Santurtzi Iberdrola. E por último, na quenda de honra vogarán Orio BabyautoZierbena Bahías de BizkaiaGO fit Hondarribia e Urdaibai Avia.

O ano pasado esta bandeira levouna a Ama Guadalupekoa, que conta con dúas delas no seu palmarés. A Bou Bizkaia é quen máis veces se impuxo na Eusko Label Liga en Moaña, os de Bermeo teñen no seu haber 4 Bandeiras Concello de Moaña – GP Fandicosta. Verdes e azuis foron rotando no palmarés dende 2011, a excepción da edición de 2013 onde se impuxo a embarcación local de Tirán Pereira. O récord do campo de regatas osténtao Mecos, que no ano 2001 parou o crono no 18’54”76.

Domingo será a vez da XXVIII Bandeira Concello de Boiro. Onde no mesmo formato que o día anterior voltaranse ver as caras as doce embarcacións da elite do remo, desta vez, en augas de Cabo. A orde de saída tamén virá determinada pola clasificación xeral da Eusko Label Liga, tal e como indica a Normativa de Competición no seu artigo 11b.

Na edición do ano pasado, Urdaibai Avia foi a embarcación que se impuxo na Ría de Arousa, realizando ademais o mellor tempo rexistrado da Bandeira Concello de Boiro con 19’03”96. Os de Bermeo levaron a bandeira nos últimos dous anos e coa gañada no 2004 contan en total con 3 bandeiras no seu palmarés. As mesmas que GO fit Hondarribia que se impuxo na edición de 2015 e tamén nas de 2005 e 2006.  A outra embarcación que conta cun bo historial en augas de Cabo é Orio Babyauto, que se impuxo no 2014 e 2007.

Tras esta regata, coñeceranse os postos definitivos dos últimos 4 postos da Eusko Label Liga. O último clasificado perderá a categoría, o penúltimo terá que desputar o Playoff de setembro canda os clubs convidados para tentaren continuar un ano máis na elite, e o décimo e o noveno darán por rematada por esta tempada a súa andaina na loita pola Coroa CaixaBank.


Polo tanto, moita cousa en xogo este fin de semana en Galiza. Vémonos na auga? 

Voltar