Novas 2020

ENTREVISTAS

17 Feb 2020

Diario da Pretempada (II): Arraun Lagunak

Diario da Pretempada (II): Arraun Lagunak Diario da Pretempada (II): Arraun Lagunak

A remeira galega Aida Carro infórmanos dos seus adestramentos de inverno

Logo da primeira entrega do “Diario da Pretempada” na que falamos co remeiro de Urdaibai Avia Iban Martínez, hoxe vimos cunha nova historia dunha remeira da Liga Euskotren. Desta vez, Aida Carro, remeira galega de Arraun Lagunak, achéganos un tipo de pretempada totalmente distinta, xa que ela adestra pola súa conta até que se xunta ás súas compañeiras antes de dar comezo a competición.

Como levas a pretempada?
De momento ben, parece que estamos e estou mellor que o ano pasado. Ademais xa estamos a saír máis a adestrar no mar, porque xa comezaron as regatas, así que a partir de agora será máis entretido.

Cal é o plano de adestramentos que tes á semana? Con quen adestras?
Este ano fago todos os adestramentos de terra soa. Teño o tempo moi xusto por estar a traballar (dando clases e como adestradora no Club de Remo Narón) e a preparar as Oposicións para profesora de Secundaria así que trasladarme a Ferrol cun horario fixo de adestramento é practicamente imposíbel. Teño que facer malabares para dar encaixado horas. Sábados e domingos xa adestro coas mozas da Cabana.

Non se che fai raro adestrar cun equipo sabendo que no verán estarás a competir con outro?
A verdade é que non me pasara nunca pola cabeza. Mudo totalmente de rutina ao estar fóra da casa, polo que non se semella unha parte do ano ca outra. Para min son como dúas tempadas distintas, unha de barcos curtos en Galiza e outra de traiñeira en Euskadi. Por outra parte tanto as miñas compañeiras como o resto do club da Cabana trátanme como a unha máis do equipo para todo, e iso tamén axuda a que sexa máis doado.

Como coordinas a túa preparación coa do equipo?
Durante a tempada de bateis e traiñeiriñas fago todos os adestramentos baixo as ordes dos adestradores da Cabana. Si que manteño contacto constante cos adestradores de Arraun Lagunak, pero fíanse de que vou chegar ben ao verán ao ter estado à remar todo o inverno. En canto rematan as traiñeiriñas e mentres non me traslado a Donosti, fago os adestramentos que me mandan da Arraun Lagunak no ergómetro. Incluso se teño sorte saio en algunha traiñeira da zona, como a dos veteranos de Ares.

Cando comezarás a adestrar con resto do equipo?
Os dous anos anteriores trasladeime a comezos de xuño e xunteime ao equipo xa nese momento. Porén este ano é unha incerteza. Teño os exames da oposición en xuño e todo depende de como o leve, pero en canto poida escaparei para Euskadi.

Que diferenza a pretempada deste ano ás de anos anteriores?
Principalmente que podo baixar en traiñeira todas as semanas. A Cabana quere voltar sacar a traiñeira feminina este verán e como dixen eu adestro con elas. Ademais outros inviernos eramos como moito 6 mozas à adestrarmos xuntas e este ano somos 15 - 16 e o ambiente nótase moito. Esa sería a parte positiva. A negativa é o de adestrar soa, ter tantos problemas horarios para o facer... que ao final pode desmotivarte.

Voltar