Novas 2018

ESPECIAL

16 Xu˜ 2018

Adestrando na Eusko Label Liga

Adestrando na Eusko Label Liga

A nosa sección de entrevistas aos adestradores dos diferentes clubs da Eusko label Liga 2018 chegou ao remate

Nestes últimos meses todos os adestradores da Eusko label Liga 2018 pasaron pola nosa sección de entrevistas para falarnos dos seus equipos e obxectivos, así como da súa pretempada e principais rivais. Aos poucos fomos publicando estas entrevistas, até chegar ao punto de que xa todas están visíbeis na nosa web e nesta ligazón da nosa conta oficial de youtube.

Abríamos esta sección de entrevistas a mediados do mes de abril con Jon Salsamendi, técnico de Orio Babyauto, que nos recoñecía que o seu “é un club que arrastra o peso da historia, demostrando ser o mellor en moitos momentos, porén na liga nunca o demostrou”. A semana seguinte publicamos a entrevista de Iñaki Errasti, adestrador de Ondarroa Cikautxo que nos contou que o seu “principal obxectivo é manter a categoría. Sabemos que vai haber moita loita e que non vai ser doado, pero o noso obxectivo é seguir na máxima categoría”. Despois foi a quenda dun dos clubs ascendidos, Donostiarra, con Igor Makazaga ao mando que nos contaba o seguinte “Donostiarra máis do que obxectivos, o que ten é un reto. É algo que se procurou durante anos, ao final conseguiuse chegar e agora o reto é dar o nivel”.  Unha semana máis tarde publicamos a entrevista de Joseba Fernández, adestrador do vixente campión da Eusko Label Liga, Urdaibai Avia, que nos desvelaba con sinceridade o seu obxectivo para esta tempada; “defender o título e se podemos por suposto voltar conseguir a Coroa CaixaBank e levar o distintivo de campión no 2019 tamén, ese é o obxectivo que temos en mente e non outro”. Máis tarde chegaba a quenda de Juan Mari Etxabe, adestrador de San Juan Sumelec, que afirmaba que “metérmonos na segunda quenda sería un grande obxectivo, un grande salto, mais salvármonos tamén vai ser difícil”. A punto de concluír o mes de maio saía á luz a entrevista de Aitor Sautu, técnico de Kaiku Producha que en canto aos seus obxectivos aseguraba que “é un club con tradición e historia e entrarmos na quenda do medio sería un broche de ouro para esta tempada”.

A conta atrás para arriar as estachas desta Eusko Label Liga seguía adiante, e tamén o facía a nosa sección de entrevistas. Chegou a quenda de Cabo co seu adestrador Benigno Silva, que nos confesaba que “o noso obxectivo é pelexármonos con uñas e dentes na segunda quenda, penso que temos que estar aí si ou si e sen pasar apuros na liga, aínda que haxa xornadas en que sabemos que a sorte tamén xoga o seu papel”. Dous días máis tarde publicamos o vídeo de Mikel Arostegui, adestrador de San Pedro, que ao falarnos do seu equipo asegurounos que “temos bo ambiente e sabemos o que temos que facer, adestrar duro e ir ás regatas dar o 100%”. O mes de xuño comezaba con un protagonista galego, Benjamin Vazquez, técnico de Tirán Pereira, que nos falou do seu principal obxectivo “sendo realistas, sabemos que vai ser unha tempada difícil porque tivemos moitas perdas, pero aspiro a non perder a categoría”. De Galiza fomos para Bizkaia con Juan Zunzunegui, adestrador de Zierbena Bahías de Bizkaia que nos contou de forma moi clara o seu obxectivo para a nova Eusko Label Liga “gañar canto se poida”. Para comezar con enerxía a semana traíamos unha nova entrevista a Iker Zabala, adestrador de Santurtzi Iberdrola, outro dos clubs que debutará esta liga na máxima categoría do remo. O técnico da ‘Itsasoko Ama’ comentábanos que “moitas veces dígolle ao equipo que ten que ser un equipo valente e descarado, mais ao mesmo tempo humilde porque os rivais son moitísimo máis poderosos que os do ano pasado”. Finalmente, o pasado xoves publicamos a derradeira das entrevistas cuxo protagonista era Mikel Orbañanos, adestrador de GO fit Hondarribia que afirmaba que o seu obxectivo é “facer un bo comezo de liga, tentar mantérmonos na loita e sen dúbida non baixar da quenda de honra”.

En definitiva, esta sección de entrevistas permitiunos coñecer por dentro cada embarcación, así como as súas aspiracións e chaves para esta tempada. Se perdeches algunha das entrevistas non dubides en clicar na seguinte ligazón.

Voltar