Novas 2019

ENTREVISTAS

01 Ago 2019

A tensa calma da metade da táboa

A tensa calma da metade da táboa

Crístofer Gónzalez, Iñigo Larrinaga e Iago Davila tráennos as súas impresións desta primeira metade da tempada

Un día máis, logo de analizarmos onte a primeira metade da tempada dos clubs que están a loitar polo descenso, hoxe toca falarmos de tres novos equipos que apenas pensan en mellorar e desfrutaren nas 8 regatas que fican de aquí até o final da tempada.

Kaiku, noveno na Eusko Label Liga con 57 puntos, deixou patente a melloría que está a ter a respecto da tempada pasada na que rematou décimo. Nas 12 regata desputadas até o momento, a 'Bizkaitarra' xa está perto de igualar os puntos que colleitaron en toda a campaña anterior (59), e as sensacións dadas polo equipo son tamén mellores.

Aínda así, Crístofer González, remeiro de Kaiku, confirma que o obxectivo que se tiñan marcado esta tempada “era a salvación”, e vendo que están a cumprírena folgadamente, márcanse un novo obxectivo, que non é outro que “manteren o nivel” e chegaren na mellor forma posíbel ao treito final da tempada. O remeiro galego non ten dúbidas ao nomear cal foi a mellor regata para o club biscaíno. Na segunda xornada da Eusko Label Liga, Kaiku sorprendeu a propios e alleos ao conseguiren unha sexta praza na XXXVI Bandeira Petronor desputada en Zierbena, sendo até o momento o seu mellor rexistro da tempada canda o obtido este pasado domingo en augas de Getxo.

Na súa terceira tempada na elite do remo, Ondarroa Cikautxo está a manter unha regularidade brutal. Tras un oitavo posto na súa primeira tempada na Eusko Label Liga e repetir posición no 2018, máis un ano, a 'Antiguako Ama' está a calcar os rexistros nesta primeira metade da tempada, sendo outra vez oitavos con 60 puntos. Uns resultados que deixan “contento” a Iñigo Larrinaga, patrón de Ondarroa Cikautxo. O patrón biscaíno admite que lles gustan as regatas de mar como a desputada na Coruña, “regatas que están feitas para sufrir e son moi esixentes”. Coa ollada posta na segunda metade da tempada, os ondarruarras queren gozar e manteren a dinámica nas xornadas que restan: “Quedan regatas moi bonitas, a de Ondarroa, Hondarribi, as dúas de Zarautz, Galiza...”

Co obxectivo principal de lograr a salvación máis que conseguido, os incansábais remeiros de Cabo, en palabras de Iago Davila, proeiro da embarcación galega, están “moi contentos” coa primeira metade desputada até o momento, mellorando as expectativas marcadas na pretempada. A embarcación galega é sétima con 60 puntos, igualados con Ondarroa Cikautxo. O da Pobra do Caramiñal marca a XXXIV Bandeira El Correo – BBK Sari Nagusia como a mellor regata desputada polo equipo de Boiro até o momento, “por como loitamos e como soubemos afrontar cada momento do longo e cada situación”. Davila confesa que non ten problemas con estar na metade da táboa, “vimos aquí a loitar e logo se hai seis mellores que nós, que é onde estamos a día de hoxe, é porque son mellores que nós. A todos nos gusta ser primeiros, pero primeiro só vai ser un”.

Voltar