Novas

ENTREVISTAS

01 Ago 2019

A loita da zona noble

A loita da zona noble

Joseba Fernandez, Julen Elizasu, Endika Morán, Gonzalo Carrión, Fernando Ruiz e Aritz Lizarralde tráennos as súas impresións da primeira metade da táboa

Con motivo da desputa do Campionato de España de Traiñeiras, aproveitamos para escoitar o que nos teñen que dicir os remeiros da Eusko Label Liga sobre esta primeira metade do campionato. Logo de analizarmos as sensacións dos clubs que están a loitar na zona baixa e na zona intermedia da táboa, hoxe chega a vez dos 'galos' da competición, os que fin de semana tras fin de semana loitan polas bandeiras en cada xornada de loita pola Coroa CaixaBank.

Urdaibai Avia, sexta con 97 puntos, é até o momento unha das grandes sorpresas da tempada. O vencedor das tres últimas edicións da Eusko Label Liga tivo unha “mala primeira metade” segundo o seu adestrador, Joseba Fernandez. Unha tempada na que no club 'txo' agardaban “estar na pelexa pola Coroa CaixaBank”. En canto ao obxectivo para esta segunda metade de campaña, o adestrador guipuscoano proponse “ir medrando” para estar á altura dos demais equipos que loitan polas bandeiras.

Logo de lograr este pasado fin de semana a súa primeira bandeira na Eusko Label Liga, as cousas vense doutro xeito na Donostiarra. O equipo guipuscoano é quinto con 105 puntos, mellorando os rexistros da tempada pasada, pero tal e como di Julen Elizasu, remeiro da 'Torrekua II', “queríamos estar un chisco máis perto dos primeiros”. De cara á segunda metade da tempada, os donostiarras queren “seguir medrando” e “amolar aos de diante”.

Zierbena Bahías de Bizkaia, cuarto con 112 puntos, xa igualou esta tempada o rexistro de conseguir unha vitoria acadada nas anteriores dúas tempadas. Endika Morán, remeiro 'galipo', considera que a VII Bandeira CaixaBank é a mellor regata que desputaron na tempada pero tamén salienta outras moitas nas que “gañamos tamén a rivais directos”. Morán di que agardan “escalar uns cantos postos” nesta segunda metade da tempada, para chegaren até o segundo lugar, e aínda que Orio Babyauto está de momento moi lonxe na clasificación, “nada é imposíbel”.

GO fit Hondarribia, terceiro con 115 puntos, está a vivir segundo as palabras de Gonzalo Carrión, unha tempada “agridoce”, aínda que estean a realizar unha boa tempada en canto a sensacións, “dando a cara” en case todas as regatas, agardaban estar “máis preto de Orio Babyauto”. Precisamente a XXIX. Orioko Estropadak – VII. Orio Kanpina bandera foi a regata “máis completa” para Carrión, na que conseguiron levar a bandeira para a casa, pero tamén destaca como boas as regatas desputadas en Santander, Portugalete, Santurtzin, “aínda que o resultado non se vexa”. De cara á segunda metade da tempada, o hondarribiarra quere que o seu equipo vaia “regata a regata” e “pelexar todas as que poidamos”.

Todo vai rodado este ano para Santurtzi Iberdrola, segundo con 117 puntos, e así o corrobora Fernado Ruiz, remeiro da 'Sotera', que califica esta primeira metade da tempada como “un éxito”, tendo en conta que hai dous anos estaban a vogar na ARC-1. Á hora de escoller unha regata destacada, Ruiz escolle entre as dúas que gañaron coa XVIII Bandeira de Sestao, na que o remeiro cántabro considera que foi “un regatón”. Pero o traballo non rematou para a traiñeira biscaína, nesta segunda metade de tempada o obxectivo para Ruiz é “apañar máis bandeiras” e tentar acurtaren a distancia que ten Orio Babyauto sobre eles.

O líder da Eusko Label Liga, Orio Babyauto sumou nesta primeira metade de tempada unha grande cantidade de puntos (133) e bandeiras (5). Aritz Lizarralde, remeiro da 'San Nikolas' cóntanos que no inicio da tempada “tíñamos moi boas sensacións, pero non pensabamos a andar tan ben”. Unha vez chegados até aquí, cunha vantaxe de 17 puntos sobre o segundo clasificado, para Lizarralde non hai outra que ir a “gañar a Eusko Label Liga”, e aínda que fiquen moitas xornadas en xogo, “hai que ir a pola Liga si ou si”.

Voltar