Novas 2018

ESPECIAL

14 Set 2018

A Eusko Label Liga coróase esta fin de semana

A Eusko Label Liga coróase esta fin de semana

Logo de 19 xornadas, a elite do remo despedirase desta tempada en Bermeo e Portugalete

A Eusko Label Liga chega ao remate nesta fin de semana con dúas regatas clásicas como son a Bandeira Bermeo Hiriko XXXVI. e a XLVIII GP - XLIV Bandeira El Corte Inglés. Nesta última galardoarase ao campión coa Coroa CaixaBank e tamén coñeceremos os clasificados no playoff da Eusko Label Liga e máis da Liga Euskotren.

Logo das 17 xornadas desputadas até o de agora, á elite do remo apenas lle restan dúas para dar por concluído o curso. Sábado ás 18:00 horas a Eusko Label Liga chegará a augas de Bermeo para pór en xogo a Bandeira Bermeo Hiriko XXXVI. e desputar a primeira das dúas xornadas das que se compón o playoff da Eusko Label Liga e o da Liga Euskotren, que se celebrará este fin de tempada por primeira vez. As balizas interiores estarán frente o peirao de Xixili e a Fan Zone estará situada en Torronteroko Plaza. 

Esta ultima será a primeira regata en porse en xogo, Hondarribia Bertako Igogailuak e Donostiarra loitaran por un posto na elite na modalidade de contra o reloxo. Do carreiro 2 partirán as embarcacións, na orde que determine o sorteo previo,  para realizaren dous longos cunha ceavoga. A primeira clasificada sumará dous puntos e a segunda, un. De xeito que, en caso de se dar o empate a puntos o domingo, sumaranse os tempos das dúas xornadas, e a embarcación máis rápida será a gañadora. 

A segunda regata do día será o playoff da Eusko Label Liga. O formato é idéntico ao anterior, pero estas embarcacións realizarán catro longos e tres ceavogas, cubrindo así en total unha distancia de tres millas náuticas. San Juan Sumelec, San José XV Astillero, Samertolameu Oversea, Ares e Lekittarra Elecnor partirán na orde que dictamine o sorteo previo e a puntuación irá dos cinco puntos que obterá a máis rápida a un único punto que obterá a última clasificada da xornada. As dúas tripulacións que sumen máis puntos conseguen un posto na Eusko Label Liga do ano que vén, e en caso de haber empate, sumaranse os tempos dos dous días para dictaminar a clasificación. Cómpre salientar que as 5 embarcacións que compiten este ano no playoff xa o teñen feito nalguna ocasión, polo que a experiencia non é nova para ningún dos participantes. Samertolameu Oversea é o club que máis veces participou na eliminatoria, cun total de oito e das 15 edicións celebradas, na sétima mantivo a praza o club da Eusko Label Liga que a defendía. 

Despois dos dous playoff porase en xogo a Bandeira Bermeo Hiriko XXXVI. onde participarán as primeiras oito clasificadas da Eusko Label Liga. Divididas en dúas quendas e no formato clásico de liña con catro carreiros, cunha distancia de tres millas repartidas en catro longos e tres ceavogas. Na primeira quenda vogarán Ondarroa Cikautxo, Donostiarra, Cabo e Santurtzi Iberdrola; e na de honra farano Orio Babyauto, Zierbena Bahías de Bizkaia, GO fit Hondarribia e Urdaibai Avia. Os de Bermeo remarán na casa, e cos 15 puntos de vantaxe que teñen sobre o segundo clasificado, abóndalles ficaren tres postos por detrás de GO fit hondarribia para se proclamaren matematicamente campións.  

O mellor tempo fíxoo a Ama Guadalupekoa no 2014 parando o crono en 19'16"60. Dende o ano 2010 os verdes conseguiron catro bandeiras  e a Bou Bizkaia tres, apenas Kaiku Producha no 2012 puido rachar esa hexemonía. 

Domingo chegaralle a vez á XLVIII GP - XLIV Bandeira El Corte Inglés, na xornada que pechará a tempada. Das 11:45 en diante comeza a xornada en augas de Portugalete, un campo de regatas sempre especial onde a afección pode vivir de preto o espectáculo da elite do remo. As balizas interiores estarán situadas á altura da Antigua Estación de 'La Canilla' e os afeccionados poderán gozar da Fan Zone da Eusko Label Liga na Plaza del Solar.  

A orde das quendas será igual que na véspera, e a orde de saída nas quendas do playoff será inversa á clasificación obtida en Bermeo. Despois da primeira quenda coñecerase que club consegue a praza na Liga Euskotren de 2019, e tras da segunda, as que competirán o vindeiro ano na Eusko Label Liga. 

Logo destas dúas quendas, porase en xogo a XLVIII GP - XLIV Bandeira El Corte Inglés, onde competirán de novo as primeiras oito clasificadas da Eusko Label Liga. As quendas serán similares ás do día anterior, en formato de liña cubrindo de novo as tres millas en catro longos e tres ceavogas. Despois da cerimonia de entrega de bandeira ao gañador, realizarase o acto de entrega da Coroa CaixaBank ao campión da Eusko Label Liga da tempada 2018.

Castro ostenta o mellor tempo rexistrado na proba con 18'58"70 e dende o ano 2010 Urdaibai Avia (3) e Kaiku Producha (4) repartiron os triunfos coa excepción de GO fit Hondarribia no 2012.

Vémonos na auga?

Voltar