Novas 2018

ESPECIAL

09 Xu˜ 2018

A ACT abre o telón da nova tempada

A ACT abre o telón da nova tempada

O Frontón Bizkaia acolleu esta tarde a Gala de presentación da Eusko Label Liga onde a adrenalina foi a protagonista

Máis de 800 convidados asistiron esta tarde á Gala da Eusko Label Liga e da Liga Euskotren onde, por un día, os remeiros se afastaron da auga para recolleren os seus galardóns polos diferentes méritos da pasada tempada e dar así a benvida á nova campaña que encetará o vindeiro 24 de xuño na ría de Bilbao. O Frontón Bizkaia de Bilbao acolleu esta celebración onde a adrenalina foi a principal protagonista. Xa o vídeo introdutorio da Gala foi interrompido pola Batucada Zaparrada, que coa súa grande forza, e uns ‘amigos’ moi peculiares que os acompañaban, puxeron de patas para o ar o frontón para dar entrada á Coroa CaixaBank

Os mestres de cerimonia, Joxe Felipe Auzmendi e Sandra Sabatés, encargáronse de dirixir e ir premiando as diferentes categorías. O primeiro galardón foi o Remo á traiñeira máis rápida. Este premio, que foi entregado por Lorea Bilbao, Deputada Foral de Euskera e Cultura de Bizkaia,  foi para Urdaibai Avia, que logrou unha velocidade punta de 4,86 metros por segundo na Bandeira Concello de Boiro. O seguinte galardón foi o do Mérito Deportivo. Nesta ocasión para o club Tirán Pereira, que este ano celebra o seu 25 aniversario, e recibiuno da man do ex futbolista biscaíno Rafa Alkorta. O premio á Mellor Canteira foi para Ondarroa Cikautxo xa que ao longo da pasada tempada entre as súas filas contaron con un total de 197 canteiráns aliñados, entregando este recoñecemento Bittor Oroz, Viceconselleiro de agricultura, pesca e política alimentaria do Goberno Vasco. O seguinte Remo que se entregou foi o de Mellor Adestrador. Logo dunha votación na que participaron todos os adestradores da Eusko Label Liga 2017, e outorgándolle a metade deles a máxima puntuación, decidiron que o premio ao mellor adestrador da pasada campaña fose para Jon Iriondo, adestrador de Ondarroa Cikautxo e a entrega realizouna Bingen Zupiria, Conselleiro de Cultura e Política Lingüística do Goberno Vasco.

Xa no ecuador da entrega de premios procedeuse á entrega do Remo á Mellor Organización de Regata, que foi para o Club de Remo Ares pola organización da fantástica Bandeira Concello de Ares. Javier Herrán recolleu o premio en nome do club galego. O mellor patrón, como xa se coñeceu ao remate da Eusko Label Liga 2017, foi Ioseba Amunarriz, do club GO fit Hondarribia. Este galardón entregouno Ane Carracedo en representación de CaixaBank. O Remo á Mellor Afección foi para Orio Babyauto, por ter uns seareiros fieis e cheos de entusiasmo. Este premio entregouno Carlos Cubillo, Director Rexional de Mahou San Miguel. Finalmente Borja Rodrigo, Presidente da ACT, procedeu á entrega do ultimo galardón, o Remo Honorífico, que foi para os tres equipos profesionais de balizadores da ACT, pondo en valor este importante labor, xa que sen el, as regatas serían impensábeis. Antes disto quixo facer unha mención especial a Juan Luis Amilibia, pola súa traxectoria na construción de traiñeiras e a constante innovación nas embarcacións.

Así que rematou este primeiro bloque, pasouse a proxectar un vídeo no que se presentaba a nova Eusko Label Liga e Liga Euskotren 2018. Logo disto, foi a vez para que as ‘Batelerak’ de San Juan Iberdrola, vixentes campioas da Liga Euskotren recebesen unha réplica do Trofeo Euskotren de mans de Antonio AizViceconselleiro de Infraestructura e Trasporte do Goberno Vasco. Logo delas, Ana Carracedo entregou a réplica da Coroa CaixaBank a Urdaibai Avia como vixente campión. O evento, ademais do discurso da propia Ana Carracedo en nome de CaixaBank, contou cos discursos de Carlos Cubillo, Director Rexional de Mahou-San Miguel; Arantxa Tapia, Conselleira de Desenvolvemento Económico e Infraestructuras do Goberno Vasco; e Borja Rodrigo, Presidente da ACT.

Despois desta parte máis solemne, o humorista Albert Boira fixo escachar coa risa os asistentes da Gala con unha grande actuación. Unha vez rematado o evento, os convitados puideron gozar dun aperitivo cos mellores produtos Eusko Label e as refrescantes cervexas de San Miguel. Toca logo dar a benvida á Eusko Label Liga – Coroa CaixaBank  2018, que dará comezo exactamente en dúas semanas en augas de Bilbao o vindeiro 24 de xuño. Agardamos por vós!

Voltar