Cabo

Historia

Patrocinadores do club
  • JEALSA
  • Jealsa
  • Concello Boiro
  • Deporte Galego
  • Galicia Saudable
  • Chicolino
  • Abanca
  • Deputación da Coruña
  • BMW Amiocar
  • Asteleiros Triñanes
  • Petrocash

O Club de Remo Cabo da Cruz fúndase no ano 1979, nese mesmo ano iníciase a construción do que a posteriori sería a súa sede social e onde seguen a estar a día de hoxe as súas instalacións. É durante a tempada 80 cando o club se inicia no mundo da competición, e durante dez anos será un dos referentes do remo galego.Durante os seus anos de funcionamento ten o mérito de ser o mellor club da zona territorial Norte da Federación Galega de remo, mentres que a nivel estatal conta con nove participacións noutros tantos campionatos de España de traíñas entre os que destaca o do ano 1989 no que conseguiu un meritorio cuarto posto.

Durante os seus primeiros anos de vida a traíña é a embarcación por excelencia á que o club dedica todos os seus esforzos. O club asiste ao nacemento de moitas bandeiras do antigo calendario de remo, tales como: a bandeira Conde de Fenosa, a Xunta de Galicia, a Deputación de A Coruña, a bandeira de El Corte Ingles, ou a Teresa Herrera, algunha das cales aínda se seguen a celebrar a día de hoxe, e consegue inscribir o seu nome entre os vencedores.A partir de 1990 o club sofre a súa primeira crise de deportistas, o nivel de competición que se empeza a dar tanto no remo nacional como no estatal esixe un maior sacrificio por parte dos remeiros, un adestramento máis duro, serio e da man de adestradores que coñezan ben os pormenores deste deporte.Por outro lado, a dependencia económica de institucións públicas non lle permite ao club conseguir medios suficientes para afrontar a renovación das embarcacións: novas traíñas van aparecendo no mercado, embarcacións cada vez máis competitivas que evolucionan dende a madeira ao poliéster, pasando por fibras mixtas até chegar ás actuais embarcacións de carbono. Esta falta de axudas unida á imposibilidade de atopar na bisbarra un patrocinador que axude a sufragar os gastos que xera ter unhas instalacións propias, xunto coa dependencia económica dos premios conseguidos cada tempada traen consigo unha nova crise que no ano 1992 obriga ao club a permanecer pechado toda a tempada.

A finais de 1993 prodúcese un cambio na directiva da entidade, estes fan por primeira vez na historia do club unha formulación seria do fomento da canteira a través dun convenio subscrito co Concello de Boiro o que dará lugar á Escola Municipal de Remo. Prepárase un proxecto de adecuación e mellora das instalacións, prográmase a renovación das embarcacións para adaptarse ás necesidades da competición e trabállase para diversificar as actividades do club coa intención de ofertar aos remeiro e remeiras outro tipo de actividades complementaria ao remo. Os resultados deste proxecto están a dar os seus froitos dende o ano 1998, cando o club comeza a colleitar excelentes resultados nas categorías inferiores, ben en campionatos galegos, ben en campionatos estatais, obtendo en bateis e trainerillas numerosas medallas.

O 2003 vai pasar á historia do Club de Remo Cabo da Cruz porque é cando se constitúe a Liga ACT, da cal, Cabo de Cruz forma parte durante seis anos consecutivos, tendo que renunciar a participar nela no ano 2009 debido á imposibilidade de afrontar económica e deportivamente unha tempada tan esixente. Dende o ano 2009 até a 2013 competiu na Liga Galega de Traiñeiras, conseguindo o título de campión no ano 2009. Na tempada 2013 recupera o dereito a participar na máxima categoría do remo despois dun axustadísimo play-off de ascenso.

2015 foi un encadenamento da temporada pasada. Competiu por voltar estar cos mellores na primeira quenda, pero non puido logralo. Tras loitar con San Juan toda a tempada polo 5º posto, os de Pasaia impuxéronse á traíña galega, obtendo estes a 6º posición na clasificación xeral. O mellor posto nunha regata de Cabo foi un 2º posto, na regata da casa.

No 2016, os de Boiro conseguiron un discreto oitavo posto na clasificación xeral e o mellor resultado nunha regata foi o terceiro lugar logrado en augas de Pasajes.

A tempada seguinte, de 2017, os de Boiro remataron en décima posición, e un cuarto posto na X Bandeira Concello de Ares foi o seu mellor resultado. Nesta nova tempada Cabo fará o seu quinto ano consecutivo na máxima categoría do remo.